Saltar ao contido

No último momento, a empresa LTM recuou e comprometeuse a pagar o salario de setembro, pero sen certeza de que os problemas para cobrar non se volvan repetir o mes que vén 

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o xoves 13 de outubro, unha moción para expresar o respaldo da Corporación municipal ás 76 persoas que traballan nas bibliotecas municipais de xestión privada, e esixirlle ao goberno municipal que dea garantías e certezas de que non se van volver repetir os problemas para cobrar o salario. A empresa responsable, LTM Servicios Bibliotecarios, non cumpriu finalmente as súas ameazas de non pagar o soldo de setembro, pero sen ningún compromiso de que esta situación anormal non se reproducirá o mes que vén, como xa aconteceu en xullo.

“Volvemos reclamarlle a Inés Rey unha solución urxente para que as traballadoras das bibliotecas poidan ter a tranquilidade que merecen e non vivir cada mes coa incerteza de se cobrarán ou non. Os nosos votos están dispoñibles para poñer remedio, pero o goberno resístese a actuar”, sinala a nosa voceira, María García. Prometeu que “estaba traballando” na última Comisión de Cultura, pero o evidente é que non se resolveron os problemas para cobrar o soldo a tempo.

A remunicipalización, o único remedio definitivo

A concelleira engade que “apoiaremos calquera proposta que resolva o problema canto antes, pero o remedio definitivo sería a municipalización. Só así remataremos coa desigualdade entre as bibliotecas de xestión pública, onde se cobra o soldo sen problemas, e as de xestión privada, nas que cada mes é unha lotería”. Por iso, a nosa moción tamén inclúe un punto para “esixir ao goberno municipal que inicie os trámites para a remunicipalización”. Desde o noso grupo municipal, xa solicitamos aos documentos, de calquera tipo, iniciados polo goberno local dende o mes de xullo para procurar unha solución.

A rede de bibliotecas municipais conta con seis centros de xestión privada, nunha dualidade iniciada por un goberno do PSOE. Son os do Centro  Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales, Infantil e Xuvenil e o punto de lectura de Novo Mesoiro. O goberno da Marea Atlántica tentou a remunicipalización, unha vía que, á hora da verdade, ningún outro grupo apoiou: tivemos o voto en contra do PP e o PSOE e a abstención do BNG.

Xa neste mandato, o equipo de Inés Rey mantivo a xestión privada, aprobando un novo contrato no que a oferta económica era o criterio principal, e que lle foi outorgado á empresa LTM cunha oferta claramente á baixa. O resultado quedou á vista nos últimos meses, cunha concesionaria incapaz de pagar as nóminas e un goberno que só reaccionou ante a ameaza de folga, cando o problema se fixo público.

A Marea Atlántica presenta unha moción en apoio ás traballadoras das bibliotecas municipais de xestión privada e para que se inicien os trámites da remunicipalización