Saltar ao contido

Presentaremos unha moción para instar ao goberno local a acatar o fallo do xulgado e destituír a Mónica Martínez como concelleira de Deportes, anulando os decretos asinados pola alcaldesa para nomeala

María García: “Fichar unha tránsfuga para o goberno local foi un erro, e pedímoslle á alcaldesa que o emende, ao igual que corrixiu o erro de deixar a cidade sen orzamentos o ano pasado”

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña unha moción para reclamar que o goberno local acate a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1, anule os decretos cos que a alcaldesa nomeou a tránsfuga Mónica Martínez como concelleira de Deportes incrementándolle o salario e proceda a destituíla.

Á vista da claridade do fallo, agardamos que esta iniciativa reciba o apoio maioritario da Corporación Municipal, especialmente do goberno, que debería renunciar de xeito definitivo a recorrer e perseverar nunha decisión que pon en entredito o goberno e o propio Concello da Coruña. 

A voceira da Marea Atlántica, María García, explicou que “á volta do verán de 2020 o mandato perdeu o rumbo, con dous erros moi significativos da alcaldesa. Un foi renunciar á negociación duns orzamentos para 2021, e o outro foi apoiar unha operación de transfuguismo para incorporar unha concelleira non adscrita procedente de Ciudadanos ao seu goberno. O primeiro xa o corrixiu, aprobando as contas municipais de 2022 co apoio e a iniciativa da Marea Atlántica. Pedímoslle que corrixa tamén o segundo”.

Unha patoloxía política

Lembremos que o Pacto Antitransfuguismo, asinado en 1998 por dezaséis forzas políticas, tres delas presentes na Corporación da Coruña (PSOE, PP e BNG), deixa claro que o transfuguismo é unha “patoloxía política” que “falsea a representación política” e “deteriora os fundamentos do sistema”, afectando de maneira especialmente grave ás Corporacións Locais. E as formacións asinantes comprometíanse a “non aceptar nos seus equipos de goberno municipal a membros da Corporación que se converteron en tránsfugas con respecto aos seus grupos de procedencia”. Este acordo foi incorporado á Lei de Bases de Réxime Local, nunha doutrina confirmada por sentenzas de diversos xulgados, o Tribunal Supremo entre eles. 

Xa en outubro de 2020, ao pouco de producirse o nomeamento ilegal de Mónica Martínez despois de que esta abandonase o partido co que se presentou ás eleccións —que quedou sen representación no Pleno da Coruña— desde a Marea Atlántica presentamos unha moción similar, pero foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención cómplice do PP. Agardamos que no vindeiro Pleno o resultado sexa diferente. 

Reclamaremos no Pleno que Inés Rey cumpra a sentenza contra o transfuguismo no Concello da Coruña