Saltar ao contido

Amosamos a nosa solidariedade coas xornadas de folga convocadas contra a proposta da patronal para eliminar a actualización dos salarios en función do custo da vida

Esta iniciativa xa foi aprobada polo Pleno da Deputación Provincial o pasado venres, co voto favorable de todos os grupos agás o Partido Popular

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá este xoves, no Pleno do Concello da Coruña, unha moción para amosar solidariedade coas xornadas de folga dos traballadores e traballadoras do sector do metal. Estas mobilizacións rexeitan as propostas da patronal para eliminar a actualización dos salarios en función do custo da vida, o que suporía unha perda de poder adquisitivo de ata 8.000 euros anuais por persoa ao final do convenio vixente. A iniciativa xa foi trasladada ao Pleno da Deputación, onde foi aprobada o 27 de maio co voto a favor de todos os grupos políticos agás o Partido Popular.

Alberto Lema, o noso voceiro provincial, sinala que “non pode permitirse este retroceso nos dereitos laborais dun sector estratéxico, que dá emprego a máis de 16.000 persoas na provincia da Coruña. E menos nun momento no que as empresas están a acadar beneficios históricos pola suba do prezo do aceiro”. Engadiu que grazas ás mobilizacións conseguiuse que a patronal sente a negociar, polo que todo apoio á loita polos dereitos laborais é necesario.

Os sindicatos convocantes das folgas, CIG, CCOO e UGT, reclaman tamén o dereito á subrogación para todo o persoal, a regulación dos pluses de penosidade, toxicidade e perigosidade e que se lle poñan límites ao abuso das contratacións a través de empresas de traballo temporal, que sempre se traducen en empregos precarios. 

Así, despois de dous anos de negociacións fracasadas, o sector do metal convocou xornadas de folga nos días 5, 12, 18 e 19 de maio, con seguimentos de ata o 80% nas empresas de máis de 50 traballadores, e coa convocatoria de manifestacións que, como a do pasado xoves, chegaron a reunir a 5.000 persoas. Perante esta realidade, agardamos que todos a Corporación Municipal da Coruña lle dea o seu voto favorable á iniciativa que propoñemos desde a Marea Atlántica. 

Levamos ao Concello unha moción en apoio ás mobilizacións do sector do metal