Saltar ao contido

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao próximo Pleno, o luns 11 de setembro, unha moción para esixirlle á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que non autorice o proxecto de instalación dunha planta de almacenamento e valorización de residuos industriais e urbanos no lugar de Teixoeira – Santa Icía, en Arteixo, a un quilómetro de Novo Mesoiro, Feáns e a Urbanización Breogán. O proxecto non ten en conta “ningún tipo de medida respectuosa co ambiente” e omite “as repercusións que terá a súa posta en marcha nas condicións de vida da veciñanza das poboacións máis próximas”.

A iniciativa trasladalle á Corporación Municipal as alegacións presentadas polo goberno local e pola propia Marea Atlántica contra este proxecto, que xa ten en fronte unha importante mobilización veciñal. Na declaración de impacto ambiental presentada pola empresa GESMAGA, impulsora da planta de residuos, non se xustifica nin a necesidade de construíla nin a súa adecuación á normativa vixente. Por iso, pedimos a sua inadmisión, tal e como manda a Lei de Avaliación Ambiental.

Neste sentido, a moción lembra que o estudo de impacto ambiental “non analiza posibles alternativas á instalación na Teixoeira nin recolle as causas que xustifican a actuación”, non achega información sobre “as infraestruturas e instalacións necesarias para o propio funcionamento da planta, tales como abastecemento de auga, o saneamento ou o tendido eléctrico”, nin explica o tratamento que se lle dará as augas residuais producidas nas instalacións.

A documentación que foi admitida pola Consellería de Medio Ambiente non analiza o impacto do tráfico de camións vehículos na zona sobre a poboación, “así como tampouco propón medidas correctoras suficientes para o ruído, o po ou o respecto á paisaxe e á ordenación territorial” que implicaría a materialización das instalacións. Ademais, entrarían “en contradición coa Lei do Solo de Galicia ao instalarse nunha finca que ten a denominación de terreo rústico protexido forestal”.

Está moción será presentada tamén no vindeiro pleno da Deputación da Coruña.

A Xunta elude a súa responsabilidade

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fai fincapé na responsabilidade da administración autonómica: “Agora, e despois de recibir alegacións tanto de formacións como de entidades sociais e veciñais, vemos en prensa que a Xunta está disposta a recuar e solicitar un estudo de impacto ambiental ordinario, máis detallado. Pero a Xunta tivo a posibilidade de inadmitir o proxecto desde o comezo, vendo as súas tremendas imprecisións, e non o fixo”.

“Aínda que agora trate de poñer escusas, a Consellería de Medio Ambiente admitiu a tramite inicialmente un plan cargado de improvisación no que existen graves e distintas omisións sobre as repercusións do proxecto na vida dos núcleos poboacionais máis próximos”, e que “obvia completamente os procedementos recollidos na Lei Estatal de Avaliación Ambiental”, engadíu María García.  “A veciñanza da Coruña e de Arteixo non se merece unha planta destas características tan preto dos seus fogares”, asevera García.

 

A Marea Atlántica leva a pleno a paralización da planta de residuos de Santa Icía