María García: “As políticas medioambientais son oportunidade e motor de desenvolvemento”
Instaremos ao concello a avanzar no operador enerxético municipal, o fomento do transporte público e outras medidas que formaban parte dos acordos incumpridos
A Marea Atlántica defenderá no Pleno ordinario do mes de xullo, o vindeiro xoves, unha moción para reclamar que o Concello se implique en que a saída da crise causada pola pandemia de COVID19 sexa unha saída verde e sustentable. Procuraremos o apoio maioritario da Corporación para esixirlle ao goberno municipal que vaia máis alá das declaracións e avance nas políticas ambientais que está a abandonar. Do mesmo xeito, queremos instar aos executivos local e autonómico a deseñar estratexias de fomento do transporte público, urbano e metropolitano, para contrarrestar o incremento do uso do vehículo privado.
Neste sentido, reclamámoslle ao goberno de Inés Rey que poña en marcha o operador enerxético municipal, a humanización e naturalización dos barrios, as estratexias de residuo cero e o fomento da economía circular, e as medidas fiscais que bonifiquen as boas prácticas ambientais. Todos estes puntos forman parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE para os orzamentos e o primeiro ano de mandato, e todos seguen sen cumprir.
A voceira da Marea Atlántica, María García, lembra que “as políticas ambientais son oportunidade e motor de desenvolvemento, porque responden simultaneamente aos obxectivos de potenciar os recursos de proximidade, mellorar a calidade de vida da poboación, incrementar a soberanía local, e avanzar en sectores innovadores”.
Máis apoio ao transporte público
Por iso, non poden esquecerse cando é necesaria unha forte intervención pública para a reconstrución social tras o impacto do COVID19, pero non debemos permitir que a saída dunha crise nos leve directamente a outra, a do cambio climático, que nunca deixou de ser unha ameaza. “Existe un risco manifesto de pasos atrás. Por exemplo, a pandemia fixo diminuír o número de usuarias do transporte público, sen que exista unha estratexia para fomentar o seu uso en condicións de seguridade e evitar un novo incremento da mobilidade en coche privado”, sinala o texto da moción.
Ante esta situación, a Xunta e o Concello teñen que actuar para promocionar o transporte público, sen esquecer outras opcións de mobilidade como a bicicleta. Por exemplo, o PSOE pode cumprir outro dos acordos pendentes coa Marea Atlántica e introducir rebaixas no billete do bus para menores de 25 e maiores de 65 anos.
“A comunidade científica avisou en repetidas ocasións dos riscos que podía ter unha pandemia deste tipo, pero as advertencias non foron atendidas. Non ignoremos agora os avisos que nos está a dar a emerxencia climática, tamén na Coruña: fenómenos meteorolóxicos estremos, secas, actividade pesqueira en declive e sectores industriais que pechan por non terse adaptado ao tempo, cargando as consecuencias no lombo das clases traballadoras”, conclúe María García.