Buscaremos o consenso da Corporación Municipal para renovar o compromiso da Coruña coas resolucións da ONU e cun referendo que decida o futuro do Sahara Occidental
A Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno, o xoves 7 de abril, en apoio ao Sahara Occidental, tras o repentino e inxustificable cambio de rumbo do presidente do goberno do Estado español, Pedro Sánchez, que pasa a apoiar os intereses do Reino de Marrocos e abandona décadas de cooperación co pobo saharauí. O texto vai na liña da Declaración Institucional aprobada polo pleno en decembro de 2020, e confiamos en que contará co apoio da maioría da Corporación.
“A nosa cidade non pode permanecer calada nin indiferente ante o terrible erro de dar cobertura e viabilidade ao plan de Marrocos para o Sahara Occidental, nunha mudanza da postura histórica do Estado, que sempre avogara por unha solución ao conflito en liña co marcado nas resolucións da ONU que reclaman o dereito á libre autodeterminación deste territorio”, recolle a moción.
Marrocos ocupa militarmente o Sahara, antiga colonia española, desde 1975, con violacións constantes dos dereitos humanos e da legalidade internacional. A poboación saharauí viuse obrigada nestas décadas a abandonar os seus fogares e buscar refuxio en terceiros países, aturando condicións de vida altamente precarias, como amosan todas as informacións sobre o campo de Tindouf.
A Coruña, cidade de Vacacións en Paz
Na nosa iniciativa lembramos, tamén que A Coruña foi unha cidade que destacou historicamente pola acollida de nenas e nenos saharauís dentro do programa Vacacións en paz, sendo un exemplo de solidariedade e irmandade co Sahara. Moitas son as familias coruñesas que se teñen achegado á cultura saharauí por esta vía.
Polo tanto, cremos que o Pleno debe rexeitar o achegamento á postura de Marrocos e reivindicar que o proceso de descolonización do Sahara siga o camiño marcado polas resolucións da ONU, incluíndo a convocatoria dun referendo no que o pobo saharauí decida o seu futuro.