Rexeitamos o comportamento do ex monarca e reclamamos que se investiguen as súas actividades asociadas á fraude fiscal, branqueo e suborno
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno unha moción na que reclama que se lle retiren a Juan Carlos de Borbón todas as honras outorgadas polo Concello da Coruña e que se reprobe a súa conduta na recente visita a Sanxenxo, tras dous anos fuxido a Abu Dabi para evitar responsabilidades polos seus actos. Nesta iniciativa tamén instamos ao Congreso dos Deputados a investigar os indicios de delito na actividade do rei emérito, e a modificar o artigo 56 da Constitución, que lle atribúe ao monarca unha anacrónica inviolabilidade ante a Lei.
Hai indicios de que Juan Carlos de Borbón, puido cometer fraude fiscal, branqueo de capitais e suborno, tanto antes coma despois de abdicar, pero non rendeu contas por estes feitos, por mor da súa inviolabilidade, a prescrición dos delitos e, nos casos máis recentes, as facilidades que as institucións do Estado lle deron para regularizar a súa situación.
Como se sinala na moción, o ex monarca puxo de manifesto no seu fugaz regreso “o seu desprezo pola obriga de exemplaridade e honorabilidade a que o compromete a natureza do seu cargo, así como unha completa falta de sensibilidade e respecto cara a cidadanía do común”.
A anacrónica inviolabilidade do xefe do Estado
Juan Carlos de Borbón converteuse na proba vivinte de que manter a figura dun Xefe de Estado por enriba da lei é unha idea incompatible cunha sociedade democrática. Leva comportamentos moi pouco exemplares, coma as que se viviron nos últimos días en Sanxenxo. Ou coma desprazarse nun jet pagado por un emir de Abu Dabi, vulneradno o código de conduta do que se dotou a propia Casa Real española.
Nun momento no que as institucións públicas deberían dar exemplo de compromiso e responsabilidade, non de impunidade, levamos o debate ao Pleno do Concello da Coruña e agardamos contar co apoio de toda a Corporación para reprobar o comportamento de Juan Carlos de Borbón.