María García: “É preciso o tratamento de residuos dos barcos, pero non hai que facelo xusto ao carón da praia de Oza e de bancos marisqueiros activos. Escolleuse a peor ubicación posible”
As alegacións realizadas polo goberno de Xulio Ferreiro reduciron os riscos do proxecto, pero ainda con esas melloras cómpre buscarlle outra ubicación
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, este xoves 12 de xaneiro, unha moción que traslada a asociación veciñal de Oza, A Gaiteira e os Castros, na que se reclama unha nova ubicación para a planta de pretratamento de residuos oleosos de barcos que a empresa Limpoil ten previsto instalar en plena dársena de Oza. O risco de vertido é inasumible nunha zona na que conflúen o uso público, a produción marisqueira e a riqueza ecolóxica da ría do Burgo, tal e como denunciamos no pasado mandato e tal e como reivindica a AVV.
Reclamámoslle ao Concello que impugne a autorización autonómica concedida a estas instalacións que operan con aceites de buques altamente contaminantes para situarse xusto fronte á praia de Oza e o Club Marítimo O Puntal, e moi preto dun banco de marisqueo estable, activo e de categoría A (alta calidade que permite a comercialización directa sen pasar por depuradora).
“Desde logo que é preciso ter servizos para tratar os residuos dos buques, pero tamén buscar un lugar axeitado. Esta planta ten previsto situarse no peor lugar posible, moi preto de espazos de uso público, recreativo e marisqueiro. A veciñanza dos Castros xa padeceu abondo os efectos colaterais da actividade portuaria, por exemplo coa construción do peirao petroleiro ou coas descargas de carbón. Nun momento no que os peiraos se abren á cidade e miramos ao futuro, non é unha boa decisión colocar a planta de aceites a carón da praia de Oza. Praia que en 2018 recuperou a calidade das augas “excelente” e a bandeira azul gracias ao programa Vertido Cero da Marea Atlántica, que eliminou de xeito sistemático as verteduras contaminantes”.
“O proceso debería ser o contrario: co traslado das actividades pesadas a punta Langosteira, é o momento de mellorar a calidade ambiental dos terreos portuarios e abrilos aos barrios”, argumenta María García, voceira da Marea Atlántica e ex concelleira de Medio Ambiente no pasado mandato. E lembra que Limpoil, a empresa responsable, ten antecedentes preocupantes por reiteradas verteduras de aceite á ría que motivaron sancións da Autoridade Portuaria entre 2022 e 2009 por “neglixencia grave”.
García lamentou, tamén, a falta de posicionamento do goberno de Inés Rey no relativo a este proxecto, e instou a alcaldesa a tomar partido tal e como demanda a veciñanza de Oza: “A Marea fixo os deberes cando estaba goberno, presentou alegacións e posicionouse criticamente contra este proxecto. Agora, non coñecemos a posición do goberno local socialista”
Alegacións que reduciron o impacto ambiental da planta
Cando este proxecto saíu a exposición pública, en 2017, estaba previsto que vertera parte das augas das instalacións ao mar a través da rede de pluviais (a que se usa para a auga de chuvia e que non pasa por ningún tratamento de depuración). Pero grazas ás alegacións que presentou o goberno de Xulio Ferreiro, e que a Xunta tivo en conta, agora Limpoil está obrigada a conectarse ao saneamento para que as súas augas residuais sexan tratadas na estación depuradora de Bens, eliminando as verteduras directasao mar.
Ademais, a empresa ten a obriga de establecer un programa de control e vixilancia de vertidos. “As alegacións que presentamos no pasado mandato fixeron máis seguro o proxecto. Porén, os fallos humanos existen, e Limpoil ten un mal historial con eles, por iso hai que ubicar estas actividades onde non afecten a outros usos coma o baño, o marisqueo ou a propia riqueza biolóxica da Ría do Burgo”, explica María García.
A Xunta ignora as advertencias da Xunta
Neste caso, chama a atención que a Consellería de Medio Ambiente ignoradas as alegacións de dúas direccións xerais da propia Xunta. Desde Saúde Pública, alertan da proximidade de zonas de baño e reclaman un seguimento da calidade das augas de baño e una análise de riscos para elaborar o plan de emerxencias.
E a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro lembra que o peirao de Oza está dentro da Zona A de marisqueo estable da ria da Coruña (fixada pola resolución do 29 de abril de 2017 da Dirección de INTERMAC). E que a confraría da Coruña conta cun plan de explotación e autorización marisqueira nesta zona e en dúas áreas moi próximas, polo que calquera vertido accidental causaría un gran impacto ecolóxico e económico.
Por todo isto, agardamos que a maioría da Corporación Municipal se posicione a favor reclamar a reubicación esta planta de tratamento de residuos oleosos de barcos, e que a Xunta de Galicia reconsidere a súa decisión e estude situacións alternativas.