Saltar ao contido

“Tolerar impunemente a fuxida de alguén que está a ser investigado é unha fraude democrática. Unha máis das protagonizadas por unha institución anacrónica e completamente deslexitimada sobre a que a cidadanía non só ten dereito a saber, senón a decidir”, afirma Iago Martínez, vicevoceiro do grupo municipal”

A Marea Atlántica presentará para o seu debate no vindeiro Pleno unha moción que insta ao conxunto da Corporación da Coruña a condenar a fuga do rei emérito, Juan Carlos I, acosado por reiterados escándalos, desacreditado ante a opinión pública polas informacións que o vinculan a varios casos de corrupción e investigado nestes momentos pola Fiscalía do Tribunal Supremo, que deberá determinar se cometeu delitos nos movementos das súas contas en Suíza despois da súa abdicación e, por tanto, tras perder a inviolavilidade.

A moción esixirá tamén coñecer toda a verdade sobre os negocios do rei e as circunstancias da súa fuxida, e proporá que a Corporación se manifeste a favor da celebración dun referendo sobre a forma do estado. “Juan Carlos de Borbón debe responder diante da Xustiza”, afirma Iago Martínez, vicevoceiro do grupo municipal da Marea Atlántica. “Tolerar impunemente a fuxida de alguén que está a ser investigado é unha fraude democrática. Unha máis das protagonizadas por unha institución anacrónica e completamente deslexitimada, a monarquía, sobre a que a cidadanía non só ten dereito a saber, senón a decidir”.

A Marea Atlántica pedirá á Corporación municipal unha condena unánime da fuga de Juan Carlos de Borbón e un chamado á celebración dun referendo sobre a monarquía