Saltar ao contido

María García: “En lugar de apoiar á comunidade educativa nun novo curso marcado pola pandemia, a Xunta só ofrece peches de colexios e redución de profesorado” 

Desde a súa chegada ao goberno, Feijóo pechou 138 centros de ensino e reduciu o orzamento de  Educación en 113 millóns de euros, mentres aumentaba o alumnado


A Marea Atlántica levará aos plenos do Concello da Coruña e a Deputación Provincial, que se celebran respectivamente o xoves e o venres desta semana, unha moción para instar á Xunta de Galicia a frear os recortes de persoal e os peches de aulas e colexios, e para apoiar as reclamacións de profesorado, sindicatos, ANPAs e persoal laboral do ensino. Procuraremos un apoio maioritario á nosa proposta porque, como sinala a nosa portavoz, María García, “non pode ser que cando comezan as clases, marcadas de novo pola pandemia, a preocupación de docentes e familias sexan os recortes de prazas de reforzo e a desaparición de centros de ensino. En lugar de preocuparse pola educación e a saúde, Feijóo dedícase a poñer problemas e deteriorar o ensino público”. 

Este é o terceiro curso escolar afectado pola Covid19, con toda a comunidade educativa facendo un esforzo importante para adaptarse á situación sanitaria. Un esforzo ao que a Xunta responde con decisións que “lonxe de axudar nun momento de fatiga acumulada, dificultarán aínda máis unha educación de calidade para a infancia”, segundo sinala o texto da moción que levaremos ás sesións plenarias local e provincial. 

O goberno de Feijóo naceu xa coa tesoira na man. Desde a súa chegada á Xunta en 2009 pechou 138 centros públicos de ensino, pese a que as matrículas do alumnado aumentaron un 8% no mesmo período. Nese tempo, o orzamento da Consellería de Educación reduciuse en 113 millóns de euros. E, en contrapartida, só este ano aumentaron en 16 os centros concertados. Isto é unha aposta decidida por desmantelar o público. 

Marcha atrás nos reforzos do curso pasado

Una parte destes problemas recuperáronse no curso 2020/2021, ante a necesidade de adaptar ás aulas á pandemia, aínda que o compromiso da Xunta foi insuficiente. Foi o traballo do persoal docente e laboral, das familias e as ANPAs, o que fixo posible superar o período escolar sen que a Covid19 paralizara por completo as aulas. Pero agora, en lugar de recoñecer ese esforzo e elevar a calidade do ensino público ao nivel que debería ter, a Xunta volve á senda dos recortes e do apoio á privada.

Así, as familias do CEIP Labaca da Coruña denunciaron a eliminación unha praza de pedagoxía terapéutica, a pesares de estar incluída no catálogo. Así mesmo, diversos centros da nosa cidade perderán persoal docente se a Xunta mantén a súa Orde de 22 de xullo de 2021. Segundo un estudo da CIG, en toda Galicia desaparecerán, como mínino, 435 prazas de profesorado. 

Tal e como sinalamos na nosa moción. “estas decisións afectarán directamente á calidade da educación na Coruña, aumentando ademais os riscos sanitarios derivados da pandemia e empeorando as condicións das traballadoras dos colexios e institutos. A situación sen dúbida é inxusta e crítica para un sector chave na sociedade que leva sufrindo esta crise da Covid19 sostendo a labor educativa en condicións adversas”.

Reclamamos o apoio do Concello e a Deputación para que Feijóo remate dunha vez cos recortes no ensino