Saltar ao contido

Presentamos unha moción que recolle a denuncia das ANPAS e reclamamos que Feijóo recupere as prazas docentes de audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e apoios en educación infantil, que se viron reducidas ou eliminadas en varios colexios da provincia

O grupo provincial da Marea Atlántica defenderá unha moción contra os recortes que a atención á diversidade está a padecer no ensino público, que será debatida no Pleno da Deputación, o vindeiro 2 de decembro. Tal e como denunciaron as Asociacións de Nais e Pais en varias mobilizacións, o goberno de Feijóo na Xunta de Galicia eliminou tres prazas docentes de audición e linguaxe, tres de pedagoxía terapéutica e numerosos apoios en educación infantil. Unha situación moi grave, que afecta a varios centros de toda a provincia coruñesa.

Ante as demandas das ANPAs, a única resposta da Xunta foi aplicar “medidas correctoras”, con profesorado a tempo parcial, un parche que non resolve o problema. Como di o texto: “este xeito de proceder afonda na conculcación do dereito constitucional a unha educación de calidade e en igualdade de condicións, e ataca un dos elementos básicos para a redución do fracaso escolar: o labor de orientación e atención ás necesidades especiais do alumnado”.

Contra a discriminación

Así o recoñece un recente informe da ONU, que conclúe que no Estado Español existe segregación e exclusión do alumnado con diversidade funcional. Este documento sinala que as actuais políticas educativas perpetúan un modelo que fai responsables ás persoas con discapacidade da súa condición, establecendo que son elas as que teñen que loitar co seu “problema”; sen que a sociedade teña a obriga de darlles apoio.

Por iso, buscaremos o apoio maioritario no Pleno para condenar os recortes de Feijóo no ensino, apoiar a educación pública de calidade, e instar á Xunta a recuperar as prazas que eliminou este curso, sen parches. E ao goberno provincial a implicarse na denuncia das discriminacións e a loita contra elas.

Na Deputación, contra os recortes en atención á diversidade no ensino público