A enerxía, como a auga, é un ben de primeira necesidade, non un obxecto de mercado co que lucrarse e especular
Instamos ao Estado, a Xunta e o Concello a tomar medidas como a redución do IVA na factura eléctrica, a creación de axudas urxentes ante a COVID e a posta en marcha dun operador enerxético municipal 100% público
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o xoves 4 de febreiro, unha moción na que se propoñen medidas para combater, desde todas as administracións, a desmesurada e constante suba da factura da luz. “A enerxía, coma a auga, é un ben de primeira necesidade. Considerala un obxecto de mercado co que lucrarse e mesmo especular condena a moitos fogares á pobreza enerxética, incompatible cunha vida minimamente digna”, sinala a nosa iniciativa.
Este mes de xaneiro, como vén sendo habitual nos últimos anos, o quilovatio hora experimentou unha suba enorme, neste caso do 40,9% interanual, ata situarse nos 18,59 céntimos. Con este prezo, a factura mensual dun fogar medio pode representar uns 87,23 euros segundo datos de FACUA, un 29,3% máis que hai un ano. É un prezo que non todos os fogares poden pagar, cada vez menos neste contexto de crise derivada da pandemia. A maiores, a bombona de butano tamén se encareceu en xaneiro case un 5%, ata os 13,30 euros.
Tal e como se indica no texto da moción “a pobreza enerxética coexiste cos xenerosos beneficios das empresas do sector da enerxía, nunha espiral que comeza coa privatización e liberalización do mercado eléctrico durante o goberno de Aznar en 1997, pero que continúa co desembarco de presidentes, ministros e ministras de diversos partidos políticos nos consellos de administración de empresas privadas, nun dos máis obscenos exemplos das portas xiratorias”.
Porén, hai empresas eléctricas públicas, xurdidas en moitos casos dos gobernos municipalistas, que están a demostrar que hai outro xeito de facer as cousas. É o caso de Barcelona Energía ou Eléctrica de Cádiz, que non repercutiron nos fogares a suba do prezo da enerxía. Tamén podía ser o caso da Coruña, se o goberno de Inés Rey tivese cumprido o acordo coa Marea Atlántica para crear un operador enerxético municipal.
Medidas para facerlle fronte á pobreza enerxética
Na proposta que levaremos a Pleno, e que agardamos que reciba o apoio da maioría da Corporación, propoñemos toda unha serie de actuacións para poñerlle freo á cobiza das grandes empresas eléctricas.
Do goberno do Estado, que ten a maioría das competencias para intervir o prezo da luz, demandamos:
- Cambios no recibo da luz, para diminuir o peso que a parte fixa ten sobre a que depende do consumo, para fomentar o aforro enerxético.
- Reducir o IVE que se lle aplica á factura eléctrica, sobre todo nos consumos máis baixos, unha medida redistributiva e ademais incentivaría o aforro enerxético. Xa o fan Portugal e Italia.
- Reformar a fiscalidade para garantir un mínimo vital que blinde o acceso ao subministro para as persoas vulnerables.
- Mellorar o bono social eléctrico, asumindo a súa tramitación de oficio a partir dos datos da Axencia Tributaria, a Seguridade Social e os Servizos Sociais. Cando un fogar cumpra as condicións, debería ter bono social sen necesidade de pedilo.
No caso do Concello da Coruña, o goberno municipal debe cumprir os compromisos asinados coa Marea Atlántica ao inicio do mandato:
- Creación dun operador enerxético municipal 100% público, con tarifa social e electricidade de fontes renovables. Ten que ser unha ferramenta de equidade, democratización e transición ecolóxica.
- Posta en marcha da Oficina da Enerxía, para asesorar aos fogares da Coruña na forma de baixar o recibo da luz, e para a tramitación do bono social eléctrico.
- Manter o consumo de electricidade 100% renovable implantado en 2018.
Finalmente, tanto o Concello como a Xunta e o Estado teñen a obriga reforzar as medidas sociais para garantir que ningún fogar quede sen subministro eléctrico, especialmente agora que moitos ven comprometidos os seus ingresos por mor da pandemia. As tres administracións deben, ademais, incrementar o apoio á rehabilitación enerxética do parque de vivenda para reducir o consumo.