Xan Xove: “As exposicións e os concertos son positivos e demostraron que o porto xa pode estar aberto. Agora é o momento de diversificar e democratizar os usos, hai máis propostas que Meisel e máis veciñas que Marta Ortega”

Rexistraremos unha moción cunha folla de ruta clara para que os peiraos interiores se integren na cidade e sexan un espazo público, motor económico e conexión entre barrios

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira municipal da formación, María García, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para anunciar a moción que levarán ao vindeiro Pleno, na que se procurará o compromiso de toda a Corporación para non malgastar fondos públicos na compra de solo nos peiraos interiores, unha operación da que por fin se desmarca o goberno local, e que non se chegou a consumar grazas a que o noso grupo fixo valer os seus votos na negociación orzamentaria.

Na moción tamén se propón unha folla de ruta para integrar o bordo litoral na cidade. “Queremos que todos os grupos políticos amosen as súas posicións e voten dun xeito claro, para confirmar que existe unha maioría disposta a gañar o porto, que poña negro sobre branco nun acordo plenario o que se di na prensa”, asegurou Xove.

A proposta que levará a Pleno a Marea Atlántica traza un camiño para a integración dos terreos do porto interior na cidade, que pasa pola creación dun consorcio público entre o Concello da Coruña, a Autoridade Portuaria, a Xunta e o Estado para xestionar eses espazos. “E hai que ir máis alá, toda a Corporación e toda a veciñanza deben ter espazo para colaborar na que vai ser a maior transformación urbana da Coruña neste século, e non pode quedar só en mans dun goberno en minoría”, argumenta o candidato á alcaldía. 

Xan Xove engade que, mentres se leva a cabo ese proceso, non é necesario estar de brazos cruzados ata que este proceso remate: “Debe continuar o proceso de apertura dos peiraos, con usos máis diversos, máis democratizados. O que se fixo para albergar a exposicións pode repetirse noutros lugares dos peiraos, e caben máis cousas que Meisel e Lindberg. As exposicións e os concertos son positivos e demostraron que o porto xa pode estar aberto. Agora é o momento de diversificar e democratizar os usos, hai máis propostas, e máis veciñas e veciños que Marta Ortega”

Nesta iniciativa, tamén reclamamos a anulación dos convenios de 2004, asinados por Francisco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Álvarez Cascos, cunha intención especulativa que xa esta superada. “Xa ninguén defende ese modelo de vender os peiraos para construír torres de formigón, mesmo a alcaldesa dá os convenios por derrogados, pero o certo é que seguen integrados no PXOM, e todas as administracións deben chegar a un novo acordo, axeitado para A Coruña do presente e do futuro”, sinala María García.  

Benvido o PSOE ao sentido común

María García celebrou que o goberno local asuma por fin o “sentido común” e recoñeza o evidente, “que xa se pode pasear polos peiraos, que caeu o valado da praza de Ourense e se abriu o de Entrexardíns, que caben concertos e exposicións… e que non fixo falla ningunha operación, non houbo que pagar os 300 millóns de euros da débeda portuaria, non fixo falta hipotecar a cidade. Só houbo que facelo. Era só cuestión de vontade política”. 

A nosa voceira, lembrou que “en 2021 Inés Rey estaba disposta a pagar polos peiraos o que lle pedían. Se eses 15 millóns de euros non se malgastaron nos Orzamentos 2022, foi porque a Marea Atlántica dixo claramente que non, que había mellores destinos para eses fondos. E fixemos valer os nosos votos para conseguilo”. E engadiu que “agora é o momento de pasar á seguinte fase, de facer máis no porto e de facelo mellor. De abrilo a máis usos e a máis xente. De deixar atrás o marco dos convenios de 2004 e mirar cara adiante”. 

A débeda do porto non pode hipotecar á cidade

Finalmente, Xan Xove referiuse á débeda da Autoridade Portuaria, e volveu reclamar a condonación, como se fixo en Valencia, pero deixou claro que non é lícito pretender que eses 100 millóns que quedan por pagar hipotequen o futuro de toda A Coruña: “A débeda é do porto, non da cidade. Orixinouse coa construción dunha infraestrutura de interese xeral do Estado, e o Estado ten que resolvela”.

O candidato á alcaldía aclarou que o contexto económico mudou, o porto exterior comeza a despegar, está garantida a conexión por tren financiada polo Estado, hai fondos europeos de recuperación… Son boas novas, e significan que o porto xa está en condicións de ocuparse da súa propia débeda.