A decisión foi aprobada o pasado xullo, unicamente cos votos a favor do PSOE e grazas ao voto de calidade do concelleiro Juan Ignacio Borrego, presidente do Consorcio
O incremento de máis de 6.000 euros, ademais de desproporcionado, é inxusto e contrasta co transmitido ao resto do persoal de servizo para non aumentarlles o salario, alegando motivos económicos
A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno de setembro unha moción en contra da suba desproporcionada do salario de Moisés Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo, e a favor da xustiza retributiva no organismo.
“Como xa temos dito, mesmo como defendemos no recurso de reposición que presentamos, é escandaloso que se confirme esta falcatruada pola decisión unilateral do PSOE e co voto en contra de toda a oposición”, volve recalcar o concelleiro da Marea Atlántica Alberto Lema, vogal da Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo. “Estamos a falar de máis de 6.000 euros de incremento bruto anual, que ademais Naranjo cobrará con carácter retroactivo dende o pasado xaneiro. Porén, isto contrasta enormemente coa información que se lle transmite ao persoal de servizo do Consorcio, nas negociacións salariais en curso, de que non se lles pode aplicar nin unha modesta suba alegando motivos económicos”, conclúe o edil.
Deixar sen efecto unha decisión inxusta
Na moción, Marea Atlántica propón que o Pleno do Concello da Coruña manifeste o seu desacordo coa decisión unilateral do goberno de aumentarlle un 10% o salario ao xerente do Consorcio de Turismo, cinco meses despois da súa toma de posesión, cando non acadou os obxectivos marcados, e con carácter retroactivo desde xaneiro. Ao mesmo tempo, ínstase a Xunta de Goberno do organismo a deixar sen efecto a resolución recollida no punto sexto da orde do día da sesión celebrada o pasado 22 de xullo.
Igualmente, na moción arguméntase en contra da iniciativa: a modificación a posteriori das bases do concurso de selección do propio Moisés Naranjo, do que xa foi un proceso viciado e moi pouco transparente, que furtou as posibilidades doutras candidaturas e a base inexistente para equiparar a xerencia do Consorcio ás Direccións da Área do Concello da Coruña ao tratarse dun organismo autónomo á marxe do Consistorio.