Saltar ao contido

Os grupos da Marea Atlántica e o BNG levan ao Pleno unha moción de CADECO, reclamando que o futuro dos peiraos interiores se decida cunha consulta popular

A iniciativa reclama que antes de formalizar calquera acordo que determine o futuro do bordo litoral, a alcaldesa teña en conta a opinión da veciñanza

O grupo municipal da Marea Atlántica trasladará ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña, xunto co BNG e una concelleira non adscrita, unha moción conxunta impulsada pola Comisión Aberta en Defensa do Común (CADECO) para reclamar que o goberno local convoque unha consulta popular entre a veciñanza “antes de formalizar calquera acordo relativo ao futuro dos terreos do porto interior para saber se a cidadanía avala ou non a iniciativa”. 

Os acordos propostos por CADECO indican, ademais, que a formulación da pregunta ou preguntas desta consulta popular será decidida polo Pleno, e que o resultado será vinculante: o goberno local debe “telo en conta nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións públicas” con competencias na ordenación dos peiraos interiores. 

Con esta moción, trasladada directamente desde unha plataforma veciñal, procuramos renovar os consensos en torno ao futuro dos peiraos da Coruña, desde unha perspectiva integral que teña en conta todos os terreos portuarios, non só os do centro da cidade. E que respecte os usos produtivos e o valor do porto como motor económico e de emprego. Consensos que non se poden esquecer o saír do Pleno e entrar a negociar nos despachos. 

O porto, de feito, xa está a ter usos públicos como a inminente inauguración da (S8) Mostra de Cinema Periférico, entre outros.O plan trazado en 2004 para vender os peiraos xa non é defendido abertamente por ninguén no eido político. Non desde que 5.000 persoas manifestáronse en 2017, como lembra o texto da moción, en defensa do bordo litoral. E co apoio do alcalde Xulio Ferreiro a través dun bando que resume os principais retos para o futuro do porto. Porén, movementos como os cambios na taxación do solo por parte da Autoridade Portuaria para inchar os prezos de xeito fantasioso, ou a reordenación dos espazos e usos portuarios dos peiraos de Calvo Sotelo, en licitación desde mediados de maio, fan temer que a idea de vender os peiraos siga aínda sobre a mesa. 

Trasladamos a iniciativa de CADECO ao Pleno: o futuro dos peiraos interiores debe decidirse cunha consulta popular