Rexeitada unha moción da Marea Atlántica que reclamaba o cumprimento da última sentenza do Tribunal Supremo para o cese inmediato da tránsfuga á que Inés Rey nomeou responsable de Deportes no seu goberno
Iago Martínez: “A abstención do PP, máster en transfuguismo pola provincia de Ourense, sálvalle a cara a Inés Rey”
As outras mocións da Marea Atlantica, por uns Orzamentos 2021 e un Consello Municipal de Cultura, foron aprobadas
O voto en contra do PSOE e a abstención do PP impediron hoxe que se aprobase no Pleno municipal unha moción da Marea Atlántica reclamando que o Concello renove o seu compromiso co Pacto Antitransfuguismo e o cese inmediato de Mónica Martínez como concelleira de Deportes do goberno local. A nosa voceira, María García, definiuno como “unha vergonza que non se merece A Coruña”.
A moción, presentada no Pleno da Corporación, foi rexeitada grazas aos votos do PSOE e coa abstención do Grupo Municipal do Partido Popular. Segundo o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez: “A abstención cómplice do PP, máster en transfuguismo pola provincia de Ourense, sálvalle a cara a Inés Rey”.
A nosa voceira, María García, lembrou que cando a Marea Atlántica comezou a preguntar pola situación de Mónica Martínez, descubrimos que nin sequera se iniciara un expediente para acreditar disolver o grupo mixto tras a súa baixa de Ciudadanos, tal e como marca a lei, a pesar de que xa estaba dentro do goberno. “O 1 de outubro presentamos un recurso para solicitar que o cese de Mónica Martínez do goberno. Xa pasou o prazo e non tivemos resposta. Porque non hai resposta posible”, sinalou García.
En cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo do 26 de outubro e da Lei de Bases de Réxime Local, Mónica Martínez, tránsfuga de Ciudadanos, ten a categoría de “concelleira non adscrita”, polo que non pode formar parte do Grupo Mixto nin aproveitar os seus recursos. A Secretaría Xeral do Pleno, no seu informe de 27 de outubro de 2020, confirmaba esta interpretación.
Compromiso contra unha “patoloxía política”
O texto da moción, da que votaron a favor a Marea Atlántica e o BNG, lembraba que o Pacto Antitransfuguismo foi asinado en 1998 por dezaséis forzas políticas, tres delas presentes na Corporación da Coruña: PSOE, PP e BNG, e posteriormente consolidado e ampliado, a última vez en 2006. Xa desde o comezo deixou claro que o transfuguismo é unha “patoloxía política” que “falseaba a representación política” e “deterioraba os fundamentos do sistema”, afectando de maneira especialmente grave ás Corporacións Locais. E as formacións asinantes comprometíanse a “non aceptar nos seus equipos de goberno municipal a membros da Corporación que se converteron en tránsfugas con respecto aos seus grupos de procedencia”.
En 2000, na primeira actualización do Pacto, aclarábase que as mocións de censura constituían, sen dúbida, “a manifestación máis grave deste fenómeno”, pero en ningún caso a única.
O Concello necesita Orzamentos 2021
Si resultou apoiada a moción na que A Marea Atlántica reclama que se aproben no Concello da Coruña uns Orzamentos 2021 para adaptar ás políticas locais á situación de pandemia. Recibiu unha emenda do PP e o voto favorable do goberno municipal, nunha inexplicable hipocrisía.
Como explicou a nosa voceira, María García, o primeiro motivo para facelo é que a lei obriga ao goberno municipal a presentar un proxecto de orzamentos cada ano. E o segundo, como dixo María García, é que “hai demasiadas cousas que non poden facerse cuns orzamentos prorrogados, como reforzar as axudas sociais, renovar os convenios con entidades, dar resposta á emerxencia habitacional ou crear novos investimentos, entre outras moitas”.
Por un Consello Local de Cultura
Finalmente, defendemos unha moción para reclamar a creación dun Consello Local de Cultura, no que se escoite a un dos sectores máis golpeados pola crise e se poña en marcha o Plan de Choque Cultural que o Concello non foi quen se sacar ata o de agora. Foi aprobada co voto a favor de toda a oposición e a abstención do PSOE, incluíndo una emenda do PP que foi aceptada polo noso grupo.
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, explicou que non é casualidade que coincidamos do PP e o BNG ao denunciar as graves carencias desta área. “As demandas do sector son clamorosas e seguen aí, póñanse a escoitalas”, engadiu, facendo referencia ao manifesto presentado a comezos de outubro por oito asociacións do eido cultural.