Saltar ao contido

O proxecto de orzamentos non resolve importantes retos do Estado na cidade, comezando pola débeda do porto, pero tamen no relativo ao tren de proximidade, equipamentos coma o cárcere ou o dereito á vivenda.

Inés Rey debe abandonar o conformismo e a propaganda, e loitar para que a cidade reciba o trato que merece


O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro pleno unha moción  para instar ao goberno do Estado a subsanar demandas pendentes da cidade no proxecto de Orzamentos Xerais, feito público esta semana. 

As demandas de Marea Atlántica suman uns 220 millóns de euros en investimentos e destacan a falta de solucións para a débeda do porto da Coruña.

A falta de compromiso afecta a proxectos coma a humanización da Vedra, a aposta polo tren de proximidade, a rehabilitación de vivenda, a recuperación do edificio do antigo cárcere provincial, ou a incorporación do Ministerio de Cultura ao Consorcio da Música.

 “Aínda que temos que celebrar que por fin se corrixa, grazas aos fondos Next Generation, a anomalía histórica de ter un porto exterior sen tren, pouco máis podemos celebrar. A maioría dos investimentos son promesas que acumulan atrasos na súa execución, coma a dragaxe da ría do Burgo ou a Estación Intermodal. O que máis nos preocupa é a negativa teimuda a condonar a débeda do porto. Se en Valencia as forzas políticas foron existosas e acadaron a condonación de 400 millóns da débeda da Marina de Valencia en 2021 e outros 17 millóns en 2022, A Coruña merece que se loite polo mesmo trato, porque hai moito en xogo”, sinala a voceira municipal da Marea Atlántica, María García.

Máis polo miúdo, a Marea Atlántica identifica importantes carencias sen resolver no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado:

1. Condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña (200 millóns).

Demandamos a condonación do préstamo nominal de 200 millóns de euros concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, mediante a incorporación aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 dunha disposición adicional análoga á prevista para a débeda do Consorcio Valencia 2007 nos OXE 2021 (101a) .

2. Participación no futuro consorcio para a recuperación dos peiraos interiores da Coruña (1 millón).

Demandamos un compromiso expreso por parte do Estado, mediante disposición adicional nestes Orzamentos Xerais, de que se incorporará a un futuro consorcio público que asuma a titularidade e a xestión dos terreos portuarios da Coruña, para o que deberá habilitarse crédito axeitado e suficiente, cando menos 1 millón de euros, no vindeiro exercicio.

3. Humanización da Avenida da Vedra (gasto plurianual: 1,3 millóns para 2022).

Demandamos que se dispoña o crédito axeitado e suficiente para comezar en 2022 a execución das obras de humanización da Avenida da Vedra, seguindo o proxecto desenvolvido e preparado durante o pasado mandato de común acordo entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento.

4. Aposta polo ferrocarril de proximidade (gasto plurianual: 10 millóns para 2022).

No proxecto de OXE inclúese un importante investimento para a liña Coruña-Ferrol, pero sen dotación orzamentaria para 2022 e cuns insuficientes 58.000 € para 2023. Isto amosa un compromiso feble dados os precedentes do by-pass de Betanzos, a eterna promesa nunca implementada. Reclamamos  a mellora das liñas Coruña-Ferrol, Coruña-Lugo e do xa célebre by-pass de Betanzos, cun investimento que debería comezar por 10 millóns de euros en 2022 e incrementase nas vindeiras anualidades, por seren actuacións estratéxicas para Coruña, para a Área Metropolitana e para Galicia.  

5. Rehabilitación do antigo cárcere provincial (2,5 millóns) e cesión gratuíta ao Concello.

Demandamos que se resolva canto antes a situación do antigo cárcere provincial, e se free o avanzado deterioro, para o que resulta imprescindible a súa cesión gratuíta ao Concello da Coruña e o investimento de 2,5 millóns na súa rehabilitación para usos cívicos.

6. Vivenda e Rehabilitación. 

Demandamos que se incremente a cifra prevista en 2022 para a construción de  vivenda en  aluguer social, consideramos que  as  consignacións  orzamentarias son insuficientes,  xa que prevén 1000  millóns de euros para 20.000  vivendas en  aluguer social  cun  prazo de  execución  de 5 anos,  ata 2026. 

Ao  mesmo tempo, reclamamos o compromiso dos  OXE coa rehabilitación urbana,  xa que os programas para a rehabilitación e recuperación económica e social das  contornas  residenciais experimenta un descenso respecto  ao ano 2021  do 10,4%. Demandamos ou incremento desta partida para Coruña a 2 millóns de  euros. 

7. Incorporación ao Consorcio para a Promoción da Música (1 millóns).

Demandamos que o Ministerio de Cultura se incorpore ao Consorcio para a Promoción da Música, nunha situación delicada polo reiterado incumprimento dos seus compromisos económicos por parte da Xunta de Galicia, cunha contribución de, cando menos, 1 millón de euros.

Levaremos ao vindeiro Pleno unha moción instando a subsanar as graves carencias dos Orzamentos do Estado coa Coruña