Saltar ao contido

O goberno local baseou a decisión unilateral de prorrogar os orzamentos nunha suposta baixada de ingresos. Pero en decembro enviaron ao Ministerio de Facenda a previsión de que o Concello ingresará 6 millóns máis este ano

Todas as iniciativas da Marea Atlántica resultaron aprobadas no Pleno: solicitamos tamén que se resolvan os proxectos pendentes en Deportes e que A Coruña sexa beneficiaria dos fondos europeos post-COVID

Lamentablemente, o goberno municipal só levou un asunto a Pleno, unha merecida medalla á Asociación de Persoas Xordas da Coruña. Os convenios coas entidades sociais, culturais e deportivas seguen no aire


Todos os grupos da oposición reclámanlle ao goberno municipal, unha vez máis, que elabore, negocie e aprobe uns Orzamentos 2021 adaptados á situación de crise e pandemia que estamos a vivir. A Marea Atlántica presentou una moción solicitando que a alcaldesa cumpra coa súa obriga e elabore un proxecto orzamentario para este ano, que foi respaldada por PP e BNG, ante a abstención do PSOE e as dúas concelleiras non adscritas.

O noso vicevoceiro, Iago Martínez, defendeu esta iniciativa e lembrou que “é certo que non temos un manual de instrución para afrontar a pandemia, pero o que si debemos ter é un plan, e nun concello, os plans chámanse orzamentos”. Neste sentido, lamentou que A Coruña sexa, xunto con Ourense, a única cidade galega que renuncia voluntariamente a ter uns orzamentos: “Grazas, señora Rey, por poñernos á altura do concello gobernado polo señor Jácome”.

O concelleiro denunciou, ademais, que cando o portavoz do goberno, José Manuel Lage, anunciou por sorpresa no Pleno de outubro a decisión de prorrogar os orzamentos, xustificouno pola previsión da baixada de ingresos. “Pero logo resulta que o 29 de decembro enviaron ao Ministerio de Facenda outras previsións distintas, a de que este ano aumentarán os ingresos un 2,6%, máis de 6 millóns de euros. Míntenlle ao goberno do Estado ou metínronnos a nós?

Martínez reiterou a disposición da Marea Atlántica a “poñer os parches máis urxentes”, como a aprobación dun anexo de convenios para que as entidades saiban que poden contar con recursos públicos, e a aprobación dun novo plan de choque que substitúa ao chamamado Presco, pero “a situaciòn é demasiado grave como para que nos teñan todo o ano vivindo de poñer un parche tras outro”. 

O Pleno comezou, por certo, cunha declaración institucional apoiada por todos os grupos en apoio da Cultura. Foi impulsada polo colectivo Unímonos ou afundimos, co que nos reunimos esta semana e cuxas demandas apoiamos públicamente.

Sen asuntos de goberno

Neste Pleno, o único asunto que levou o goberno foi a concesión da Medalla ao Mérito da Cidade á Asociación de Persoas Xordas da Coruña (Aspesor), entidade cuxo traballo ten un valor innegable e conta con todo o noso apoio. Pero, como sinalou o concelleiro Alberto Lema, “o que nos tería gustado é que este Pleno comezase debatendo un modificativo para dotar de convenios aos colectivos culturais, deportivos e sociais, como Aspesor, pois quedaron sen eles debido á prorroga voluntaria dos Orzamentos municipais”.

O portavoz do goberno, José Manuel Lage, prometeu en decembro que prepararía un novo anexo de convenios, pero non fixo nada para cumprir. “Por favor, pasen do plano da retórica ao plano dos feitos. Hai fóra hai un tecido asociativo que se enfronta a un ano moi difícil desde a absoluta incerteza. E precisa o apoio deste Concello”, asegurou Alberto Lema.

Tamén Iago Martínez se referiu á case total ausencia de iniciativas de goberno nesta sesión plenaria, e lamentou que “a señora Rey viva instalada dunha permanente simulación. Se non hai Orzamentos, foto para disimular. Se non hai convenios para as entidades, medalla para unha delas. Se non se pagan as axudas do plan de choque contra a pandemia, anunciemos un novo plan e a correr”. 

Mocións sobre a parálise en Deportes e os fondos europeos

Neste Pleno, a Marea Atlántica tamén defendeu unha moción solicitando o desbloqueo da área de Deportes, completamente paralizada, con dous responsables en vinte meses e actualmente en mans dunha concelleira tránsfuga. Claudia Delso denunciou que “están a acumular contratos caducados, que se deberían recuperar para o público. E incumprimentos constantes coma no polideportivo de San Diego”.

“Hai mesmo situacións absurdas como mudar o proxecto da pista de skate de Catro Camiños, pactada no mandato anterior coa Asociación Coruñesa de Skaters . Agora custa o triplo e non satisfai a quen a vai usar”, sinalou Delso. E engadiu que nin sequera se están a executar proxectos aprobados e con fondos nos orzamentos, como a ampliación do rocódromo de Riazor para que albergue probas de nivel olímpico, o campo de rugby na Torre, ou as obras da piscina de Riazor que segue sen data para a súa reapertura.  A moción foi aprobada con emendas de PP e BNG, e o apoio destes dous grupos. 

 

Finalmente, a nosa voceira, María García, defendeu unha moción na que reclamamos que os fondos europeos Next Generation non esquezan á Coruña. “Nun momento no que o Estado ten 70.000 millóns de euros da UE para repartir, sorpréndenos que o goberno municipal estea en silencio e sen propostas, algo que hoxe queremos corrixir”.

García denunciou que as cidades están ausentes no reparto dos fondos que, segundo sinala a propua UE, deberían empregarse para a recuperación económica e para a transición a un modelo máis verde e dixital. “E non para aumentar a superficie de eucaliptos en Galicia, como quere facer Alberto Núñez Feijóo”. 

“Na Coruña hai proxectos maduros que cumpren con esas premisas: o operador enerxético municipal, a rehabilitación de vivenda, os Bosques da Coruña… Todos eles forman parte dos nosos acordos do PSOE, aínda incumpridos”, sinalou García. E engadiu que outra candidata a recibir fondos debe ser a conexión ferroviaria ao Porto Exterior, como axuda para a transición dunha economía baseada no carbón. “O peche de Meirama debe ser o motivo para financialo, non a escusa para condenalo”. A iniciativa foi aprobada coa única abstención do PP. 

Doutra banda, non foi aceptada a nosa emenda á moción presentada pola concelleira non adsria Isabel Faraldo, sobre medidas para deter a proliferación de casas de apostas na Coruña. Propuxemos, como xa fixeramos no Pleno Extraordinario das ordenanzas fiscais, unha modificación no PXOM e unha suspensión das licenzas para estas “trampas para a mocidade e a poboación vulnerable”, como as definiu o concelleiro Iago Martínez, pero foi rexeitada sen argumentos claros cos votos en contra de PP, PSOE e a propia Faraldo. Ante isto, abstívemonos na votación da proposta orixinal, non sen reiterar a nosa total oposición ao modelo das casas de apostas. 

 

Todos os grupos da oposición volven reclamar, a través dunha moción da Marea Atlántica, que Inés Rey que negocie e aprobe uns Orzamentos 2021 adaptados á pandemia