Saltar ao contido

Presentaremos unha moción para reclamar que o capital  privado se manteña lonxe do CHUAC e que se escoite e informe á veciñanza de Curramontes e Castaño de Eirís  

Tamén solicitamos que o Concello abra unha Comisión Especial para seguir ao detalle o proxecto de ampliación

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña unha moción para esixirlle tanto á Xunta como ao goberno municipal esixir a máxima transparencia sobre o proxecto de mellora do hospital e que se informe á veciñanza de Eirís sobre o seu desenvolvemento. Tamén se lle reclama ao goberno de Feijóo que manteña o CHUAC como un centro sanitario 100% público, e ao de Inés Rey que poña en marcha unha Comisión Especial para darlle seguimento á mellora do hospital, con presenza de todos os grupos políticos.

“A mellora do hospital da Coruña, que dá servizo a unha área sanitaria de case medio millón de habitantes, é necesaria fóra de toda dúbida. O que non é necesario é que se empregue para facer propaganda, nin para sumarlle máis apartados á lista de promesas incumpridas da Xunta de Galicia. E, desde logo, non é necesario empregalo para abrirlle a porta á sanidade privada”, sinala a moción.

No texto, lémbrase que o 28 de xaneiro, 12 días antes de convocar eleccións autonómicas, “Alberto Núñez Feijóo, acompañado da alcaldesa, anunciaba por todo o alto unha obra de 395 millóns de euros para ampliar o hospital da Coruña. Un anuncio puramente electoralista, no que non se deron prazos, nin fontes de financiamento, nin garantías”.

Reciclando promesas de hai vinte anos

O que non lembrou Feijóo foi que en 2001, a Xunta xa prometera un Plan Director do Chuac que só ten un 65% completado, a pesar de que debera rematarse en 2011. Agora, por arte de maxia publicitaria, as súas última fases transfórmanse nas primeiras desta nova ampliación.

Cando estas imaxes apareceron na prensa, a veciñanza de Curramontes e Castaño de Eirís descubriron que as súas casas estaban en risco de ser expropiadas, sen ningún tipo de información ao respecto. E a día de hoxe, a Xunta segue sen contactar con eles. A infografía publicitaria que presentou Feijóo coincide coa “Redacción do plan funcional e programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña”, licitada polo Sergas o 21 de decembro de 2018 e adxudicado o 25 de marzo de 2019, por un importe de 112.888,16 euros. Tempo abondo para comunicarllo á veciñanza.

Finalmente, é moito de alarma que Feijóo comparase, en declaracións públicas, o proxecto da mellora do CHUAC co do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un centro con xestión privada que demostrou ser ineficaz na atención sanitaria en numerosas ocasións, e que non parou de rexistrar problemas desde a súa apertura. A ampliación non pode ser unha porta de atrás para introducir empresas privadas no hospital da Coruña. 

Transparencia e cáracter público na mellora do hospital: reclamarémolo no Pleno