Saltar ao contido

Fronte á emerxencia climática e a crise de prezo dos combustibles, é o momento de que o investimento se dirixa a potenciar o bus, o tren, a bici e o transporte marítimo pola ría

María García: “Cada día entran 150.000 vehículos na Coruña, e iso non se resolve ampliando carrís. Así só teremos un tráfico aínda máis aparatoso”

A Marea Atlántica defenderá este xoves, 10 de novembro, no Pleno municipal, unha moción na que se insta ás administracións a cooperar para dar alternativas ao uso do coche a escala metropolitana. “Cada día entran na cidade case 150.000 vehículos, 120.000 só pola avenida da Vedra. E resulta preocupante que o único proxecto que escoitamos é poñer aínda máis carrís nas vías principais para que os atascos e accidentes sexan máis aparatosos. Precisamos fomentar outras formas de desprazarse, máis sostibles, seguras e eficientes, para comunicar os concellos que forman A Coruña real”, sinala a nosa voceira, María García, que defenderá esta iniciativa. 

Nun contexto de emerxencia climática e encarecemento dos combustibles, faise necesario mudar o foco e fomentar o uso do transporte público en bus, tren e mesmo en barco, desde unha perspectiva pública, social e metropolitana, procurando que as administracións cooperen en lugar de facer da mobilidade un campo de batalla electoralista. A experiencia amosa que a cidadanía responde cando se toman medidas como baixar o prezo do billete . Agora é o momento de ampliar a oferta, tanto de bus coma de tren, precisamente nun momento no que están dispoñibles fondos de Europa para mobilidade sostible e transición enerxética.

Pero, como advirte María García, “o que nos atopamos é que o goberno de Inés Rey ten completamente abandonada a construción da Área Metropolitana da Coruña, e que os investimentos planificados polo Estado priorizan os desprazamentos en vehículo privado, un erro que debe corrixirse antes de que sexa demasiado tarde. Se o goberno central está realmente comprometido con investimentos en transporte, debe orientalos a unha mobilidade alternativa ao automóbil. Non podemos deixar escapar esta oportunidade”. 

Dende esta perspectiva, reclamámoslle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que enfoque os proxectos de mellora previstos para a Avenida da Vedra e a Ponte da Pasaxe, entre outros, cara unha mobilidade propia do século XXI, alternativa ao automóbil: con carrís bus, espazo para vehículos de alta ocupación, vías ciclables e accesibles para transitar a pé, e descarte incrementar o número de carrís para o vehiculo privado que agravarían a o colapso do tránsito na cidade da Coruña.

Falta vontade metropolitana desde o goberno local

Deste xeito, a nosa iniciativa procura instar ao goberno local a tomar medidas concretas, como “trascender a retórica e facer unha proposta seria de servizo de transporte en barco pola ría do Burgo, para conectar A Coruña con Oleiros”. Un servizo que sexa útil para os desprazamentos diarios e vaia máis aló das viaxes recreativas, para o cal é necesario investir en infraestruturas coma os peiraos de atraque. 

O porto é, de feito, unha enorme oportunidade para mellorar a mobilidade metropolitana, e o executivo local debería telo en conta á hora de planificar a integración dos peiraos interiores na cidade. No porto ten que haber máis prioridade para o bus, a bici, o tren e o barco que para os coches. 

De igual modo, o Concello da Coruña debería cooperar para que o servizo de Bicicoruña se conecte cos sistemas de préstamo público de bicicletas de Oleiros, Arteixo e Culleredo. Todo isto debería coordinarse desde a Mesa de Alcaldía da Área Metropolitana, creada no mandato de Xulio Ferreiro coma unha ferramenta de cooperación, pero completamente esquecida polo goberno de Inés Rey.

O fomento do uso da bicicleta tamén debería pasar por facilitar o seu transporte nos autobuses urbanos e interurbanos, así coma nos trens, algo que reclaman desde hai tempo os colectivos ciclistas e no que todas as administracións deberían colaborar.

A responsabilidade da Xunta e o Estado

A nosa moción insta tamén á Xunta de Galicia a deixar de poñer obstáculos á integración do servizo de bus urbano da Coruña coa rede metropolitana de buses interurbanos. Para iso, é necesario que impulse, da man dos concellos, unha Autoridade Única de Transporte que foi reclamada por todas as alcaldías da área coruñesa, por unanimidade, xa desde o ano 2018

Polo que respecta ao Estado, deben asumir as súas competencias e mellorar a conexión ferroviaria da Coruña con Ferrol e Lugo, e fomentar un verdadeiro servizos de tren de proximidade na área metropolitana. Os investimentos que se reservan para o ferrocarril en 2023 son escasísimos

Como resume María García, “deste modo, A Coruña será unha cidade máis amable para vivir, con menor impacto ambiental, máis segura e resiliente”.

Levamos a Pleno as necesidades para fomentar a mobilidade sostible a escala metropolitana na Coruña