Saltar ao contido
Acción Percebeiras

Recollendo as demandas da asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero, propoñemos crear un parque nas Percebeiras e gañar espazo público na Cidade Escolar

Outros proxectos beneficiosos para o barrio son a pacificación do tráfico na zona, peonalizacións e a rehabilitación das pistas deportivas

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno unha moción na que se reclamarán melloras e actuacións no barrio de Labañou, recollendo diversas propostas que nos traslada a Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero. Poremos sobre a mesa cuestións como o derrubo dos muros da Cidade Escolar para gañar espazo público, a pacificación do tráfico nunha aposta pola mobilidade sostible e o freo ao pelotazo nas Percebeiras. 

Así, reclamaremos unha vez máis que en lugar de plantar mamotretos na parcela das Percebeiras, tapando a vista da Torre e cun forte impacto ecolóxico, se manteñan libre estes terreos para transformalos nun parque que deixe respirar ao barrio. Os prazos dos instrumentos de planeamento xa caducaron e o goberno podería mudar o PXOM para protexer a zona, como propuxemos hai tempo nunha emenda vetada por Inés Rey. É posible, pero non queren facelo. 

 

Outro proxecto impulsado pola veciñanza, con gran acerto, sería o derrubo dos muros dos edificios da Cidade Escolar para gañar espazo público transitable. Manteríanse os valados arredor do colexio de Prácticas e os institutos Salvador de Madariaga e Rafael Dieste, por ser centros educativos, pero o resto de edificios poderían quedar conectados con barrio. Tamén podería derrubarse parte do muro do instituto Calvo Sotelo á altura da rúa Archer Milton, e o Concello debería instar ás administracións competentes e negociar para conseguilo.

Unha necesidade moi demandada no barrio é a de acondicionar e darlle uso ás pistas deportivas de Labañou, como un xeito de manter servizos e fomentar a vida saudable, ademáis dun xeito de combater os problemas de convivencia que padece o barrio. 

Neste punto, resulta necesario, ademais, que desde Servizos Sociais se ofreza atención e recursos para afrontar a situación cun enfoque integral e preventivo. Neste sentido, e como xa levamos tempo avisando, é necesario aumentar os recursos para a atención ás persoas en risco de exclusión, mellorar a Renda Social Munciipal, e mirar de fronte o problema do sen fogarismo, con novos convenios con Housing First e Provivenda.

En canto ás melloras de mobilidade, desde a asociación veciñal reclámase a peonalización da perpendicular á rúa Arxentina, así como o estudo da posibilidade de facer peonil a avenida de Gran Canaria entre as rúas Educación e Archer Milton, así como contribuíndo a pacificar o tráfico nesta zona. Viría da man da reordenación do transito en varios puntos do barrio. 

Mobilidade e Orzamentos Participativos

Doutra banda, a veciñanza reclama a ampliación do carril bici ata a Escola de Idiomas e a UNED, para facilitar a mobilidade do estudantado. Nesta liña, debería instalarse tamén unha estación de Bicicoruña e un aparcabicis na praza da Tolerancia. 

Desde a asociación piden, igualmente, a recuperación de dúas propostas aprobadas nos Orzamentos Participativos e aínda sen executar: renovar a iluminación do Obelisco Millennium  e acondicionar os baixos abandonados. 

Reclamamos melloras no barrio de Labañou: parar o pelotazo nas Percebeiras e derrubar os muros da Cidade Escolar