A Marea Altántica levará a Pleno unha proposta para que o Concello da Coruña apoie a Sada na loita pola xestión pública de Meirás
O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno do 11 de setembro unha moción para reclamar a recuperación do Pazo de Meirás como espazo de titularidade e uso públicos, e o desaloxo da Fundación Franco como xestora das visitas a este edificio declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A proposta tamén solicita que sexa o Concello de Sada quen asuma esta tarefa.
Nesta liña, a moción pide que o Concello da Coruña se sume ás decisións adoptadas en Sada no pleno extraordinario do 12 de agosto, e dea apoio “dentro das súa competencias, a todas as iniciativas que se desenvolvan para garantir o cumprimento do acordado”. Nestes acordos, ínstase á Xunta de Galicia a:
- Permi que o Concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás.
- Evitar, por todos os medios dispoñibles, que sexa a Fundación Franco quen se ocupe de organizar as visitas.
- Esixir á familia Franco, propietaria do pazo, a que cumpra co réxime de visitas obrigado pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Xa foi sancionada, coa máxima multa posible, por non respectar a normativa.
- Formalizar unha declaración institucional de condena expresa ante os comunicados emitidos pola Fundación Francisco Franco, nos que se fai apolíxa clara da ditadura. así como de apoio á memoria das vítimas do franquismo”.
Memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación para as vítimas
“Tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado deben dar o apoio institucional necesario a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e o uso públicos”, advirte o grupo de goberno coruñés, que recorda que “a razón democrática esixe que as vítimas obteñan memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación, e iso non terá lugar mentres non se poña fin ao espolio que significou a adquisición do pazo por medio da ameaza e a extorsión”.
No texto da moción tamén se lembra, do mesmo xeito, que tanto a Lei de Memoria Histórica como a vixente normativa estatal de fundacións deben ter como obxectivo común “tanto un maior recoñecemento das vítimas da represión no primeiro caso, como o impedimento legal para que entidades como a Francisco Franco poidan impunemente e mesmo ao amparo da legalidade democrática divulgar, louvar e difundir o terror franquista, no segundo”.