Saltar ao contido

A Marea Atlántica levará a pleno unha moción coas demandas do persoal do centro sanitario, que reclama os recursos precisos para atender á poboación da Coruña

Silvia Cameán: “Queremos deixar patente o apoio do Concello aos e ás traballadoras da sanidade pública, que teñen que facer fronte ás políticas de recortes da Xunta e o Estado”

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno do 4 de decembro unha moción en apoio ás traballadoras do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Materno Infantil da Coruña. A iniciativa trata de conseguir o apoio do Concello para instar á Xunta de Galicia (quen ten as competencias) a “dotar a este servizo dos recursos necesarios para atender á poboación”, especialmente nas gardas, nas que o persoal reclama unha terceira médica especialista.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salienta que esta moción “tamén quere, unha vez máis, deixar patente o apoio do Concello aos e ás traballadoras da sanidade pública que teñen que facer fronte ás políticas de recortes da Xunta e o Estado”. A iniciativa tamén solicita ao conselleiro de Sanidade que reciba á plantilla deste servizo sanitario para dar unha resposta directa ás súas demandas.

Situación precaria nas quendas de urxencias

“En marzo deste ano, as xinecólogas que realizan gardas no hospital Materno Infantil xa enviaron unha misiva a autoridade competente, neste caso á xefatura de servizo e á xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña, onde deixaron patentes as carencias asistenciais coas que conta o servizo de obstetricia e xinecoloxía, que conta só con dúas facultativas de garda e unha residente, sen filtro de urxencias, e coa necesidade engadida de atender ás demandas que se poidan producir no CHUAC durante as gardas”, comentou a concelleira.

“Esta situación non só xera unha importante desigualdade con respecto a outros servizos, senón que pode incorrer en demoras nas asistencias que se poden traducir nun aumento do risco de erros”, dixo. “O pasado mes de outubro, e dado que a demanda das traballadoras seguía sen solución, remitimos dende a Concellería de Xustiza Social un escrito ao conselleiro de Sanidade onde lle manifestamos a nosa profunda preocupación, así como solicitamos unha entrevista para poder abordar o caso, petición que aínda non obtivo resposta”, expuxo a concelleira. “Non podemos tolerar que a Xunta de Galicia, a través do Sergas, manteña unha situación coma esta, que pon en risco á veciñanza da Coruña”, indicou.

O Hospital Materno precisa máis persoal nas urxencias de xinecoloxía