Propoñemos unha serie de medidas para mellorar a atención ás persoas maiores, un dos colectivos máis afectados pola pandemia de COVID-19
O grupo municipal da Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno, o 14 de maio, unha moción para instar ás administracións a aumentar o número de prazas públicas en residencias de maiores, xa que Galicia é a comunidade do estado que conta con maior grao de privatización deste servizo fundamental: o 77% das prazas están en mans privadas.
“A crise actual do Covid-19 está a poñer a proba os modelos de atención dirixidos ás persoas maiores. Este colectivo é un dos máis vulnerables diante da pandemia, polo que é preciso o máximo esforzo de protección por parte das distintas administracións públicas”, sinala o texto da moción, antes de lembrar que dos 586 falecementos rexistrados en Galicia 132 aconteceron en residencias de maiores, só dúas menos das ocorridas en hospitais.
Nestes centros, como en moitas outros sectores, a privatización é sinónimo de precariedade, con traballadoras infrapagadas e obrigadas a ocuparse dunha altísima ratio de persoas cada unha, como veñen tempo denunciando as asociacións profesionais e as plataformas de familias.
Por estes motivos, pediremos o apoio da Corporación para instar á Xunta de Galicia a revisar todos os concertos con residencias privadas, para eliminalos progresivamente e substituílos por prazas públicas de calidade. E tamén ao Concello da Coruña a implementar unha rede de centros de maiores en colaboración coa Xunta, tomando como referencia o exitoso modelo de escolas infantís.
Do mesmo xeito, solicitámoslle ao goberno municipal que promova “alternativas residenciais de comunidades de coidados compartidos de maiores como unha figura máis dentro do catálogo de servizos da Oficina Municipal de Dependencia” e a ofertar servizos de formación e apoio ás persoas maiores para o uso das novas tecnoloxías.
Por un Servizo de Axuda a Domicilio sen copago
Tamén queremos instar ao executivo de Inés Rey a retomar a eliminación do copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio, retomando o traballo do anterior mandato e eliminando a barreira económica. E a reconfigurar este servizo para adaptalo á realidade da pandemia de COVID-19 e para atender as necesidades non cubertas das persoas usuarias.
Finalmente, a moción reclama “garantir a gratuidade do servizo de comidas a domicilio nos casos de maior vulnerabilidade social” e a constituír unha mesa de traballo con representantes de asociacións e entidades sociais dedicadas ao coidado das maiores, na que estean representadas todas as forzas políticas con asentos no Pleno.