Os dous grupos presentarán conxuntamente esta iniciativa, que denuncia os intentos de especulación por parte do Goberno do Estado co que é patrimonio da cidade da Coruña

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e a Marea Atlántica rexistraron unha moción conxunta, trasladada pola Comisión Aberta en Defensa do Común (CADECO), para reclamar a devolución gratuíta á cidade da Coruña dos terreos do Ministerio de Defensa no Campo da Estrada-Maestranza e en Adelaida Muro. Deste xeito, Marea e BNG defenderán no Pleno deste xoves, 7 de novembro, que o Concello volva solicitar ao Goberno do Estado que abandone as súas intencións de especular co que é patrimonio da veciñanza da Coruña.

A iniciativa procurará o acordo da Corporación para instar ao goberno municipal a que lle reclame ao Ministerio de Defensa a suspensión definitiva das poxas que abriu para vender os terreos tanto na Maestranza como en Adelaida Muro, e que continúe coa modificación do ordenamento urbanístico “para que os terreos sexan destinados a zona verde e equipamentos públicos”.

Ademais, ínstase á Xunta a resolver o requerimento do anterior goberno municipal para modificar o ámbito de protección das murallas históricas da cidade, o que posibilitaría protexer a zona do Campo da Estrada. E engádese a petición de que o Concello estableza relacións co movemento veciñal e asociativo para decidir o futuro destes espazos, e a convocar un Concurso de Ideas similar ao que se levou a cabo cos peiraos interiores.

Unha reclamación histórica

Esta moción segue a liña das que xa foron aprobadas nos plenos do 11 de abril de 2016, do 11 de xuño de 2019 e no 14 de xaneiro de 2019, en defensa da devolución gratuíta dos terreos do Campo da Estrada e Adelaida Muro. Pola súa vez, son herdeiras das solicitudes que xa desde 1840 recollían chamamentos da cidadanía e o Concello da Coruña para que Defensa devolvese as súas propiedades infrautilizadas na Maestranza.

Do mesmo xeito, lembramos que en xuño de 2017, aínda baixo a presidencia de Mariano Rajoy, o Congreso dos Deputados aprobou unha proposición non de lei para instar á devolución gratuíta dos terreos de Defensa no Campo da Estrada, e contou cos votos a favor do PSOE. Confiamos, polo tanto, en que o partido socialista se manteña coherente con esta postura.