A empresa compradora solicitou licenza para dous edificios, de cen e 56 vivendas, ambos os dous con sotos de tres plantas para garaxe: poñen en risco os restos arqueolóxicos

O mércores, 5 de febreiro, convocamos unha reunión coa veciñanza no Centro Cívico da Cidade Vella

O grupo municipal da Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno unha moción para reclamar a paralización das licenzas de construción no Campo da Estrada, nos terreos vendidos polo Ministerio de Defensa, mentres se redacta un Plan Especial de Protección das Murallas da Maestranza, de acordo co informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. Esta moción redactouse a partir da proposta pola Comisión en Defensa do Común (CADECO), á que ningún outro grupo quixo sumarse, e actualizouse segundo as informacións que coñecemos nos últimos días.

A Marea Atlántica tivo acceso ao informe presentado por Patrimonio no pasado mes de novembro, no que se recoñece que “os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran xa teñen a consideración de ben de interese cultural” en función da Lei de Patrimonio Cultura de Galicia.

Polo tanto, segundo esta normativa e a Lei do Solo, o Concello ten a potestade de actuar para protexer os restos das murallas sen agardar por unha declaración expresa de Ben de Interese Cultural. Existen estudos que proban a existencia de restos das murallas nas parcelas da Maestranza, estudos que Defensa tivo que axuntar ao proceso de venta porque llo requiriu o goberno da Marea Atlántica no mandato anterior.

As licenzas xa están en marcha

Tamén puidemos comprobar que a empresa que comprou as parcelas do Campo da Estrada xa solicitou as licenzas de obra para dous edificios, un con cen vivendas e outro con 56, e ambos os dous con tres sotos para prazas de garaxe. “A súa construción tería un impacto moi grave non só na paixase, tamén nos xacementos arqueolóxicos rexistrados na zona” indícase na moción.

Na nosa moción tamén instamos ao goberno municipal a proseguir as negociacións co Ministerio de Defensa en base aos acordos da Comisión de Defensa do Congreso dos Deputados de 27 de xuño de 2017 (”Estudar o traspaso ao Concello da Coruña das parcelas, facilitando así dende o Ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos e parcelas referidas, situadas no Campo da Estrada”) e aos acordos plenarios de 11 de abril de 2016, 14 de xaneiro de 2019 e 7 de Novembro de 2019.

“Os terreos do Campo da Estrada, nos que se construíron primeiro as murallas da Coruña, despois a Real Maestranza, logo o cuartel de Atocha e finalmente centos de vivendas para militares, eran en orixe terreos comunais. Era un patrimonio da veciñanza que foi ocupado para instalacións militares e defensivas. E polo tanto, unha vez que deixan de ter esas funcións, deberían volver a ser patrimonio do común”, indícase na nosa moción.