Levaremos a Pleno unha moción para instar á Xunta e ao Estado a protexer a pesca e a biodiversidade no planeamento dos espazos mariños 

O Concello debería presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Nordés, a 30 quilómetros da nosa costa, con impacto na pesca e na biodiversidade


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá este xoves, no Pleno do Concello da Coruña, unha moción na que se lle reclama á Xunta e ao Estado que non autorice novos parques eólicos mariños mentres non se aprobe o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo da Zona Noratlántica e a protexer, en todo caso, a pesca e a biodiversidade nesta futura normativa. Este plan, agora en fase de borrador, regula a instalación de aeroxeradores no mar preto da costa, para evitar a colisión cos usos pesqueiros e polos extraordinarios valores ambientais do litoral galego. 

Promovemos esta iniciativa tras coñecerse o proxecto do parque eólico Nordés, das empresas Bluefloat Energy e Sener Renewable Investments, dotado de 80 turbinas e unha superficie de 268 quilómetros cadrados, que pensa situarse a tan só 30 quilómetros da costa ártabra.

É este un proxecto que pretende tramitarse sen estar aínda aprobado o plan de ordenación, e que xa colleitou críticas do sector pesqueiro por afectar a caladoiros, ademais de a zonas cunha excepcional riqueza biolóxica. Por iso tamén lle pedimos ao Concello da Coruña que participe na fase de alegacións e elabore un informe rigoroso sobre todos os seus posibles impactos ambientais.

Transición enerxética ordenada e xusta

O mesmo acontece cos parques eólicos de San Brandán e San Cibrao, que xa foron rexeitados nunha moción da Marea Atlántica aprobada polo Pleno en xuño.  Iberdrola dividiu este proxecto en dúas partes, intentando disimular o seu tamaño e o seu impacto sobre zonas da Rede Natura 2000 e caladoiros de pesca entre Cedeira e Burela. E fíxoo sen consultas previas e sen o aval do Observatorio de Eólica Mariña — no que participan a Xunta, o sector pesqueiro e as empresas que fabrican compoñentes para os aeroxeradores—. Este non é xeito de actuar. 

Tal e como se sinala na nosa propostas, “a explotación da enerxía eólica no mar é, certamente, unha oportunidade para abordar a loita contra o cambio climático e o pico do petróleo, empregando fontes renovables e sen emisións de efecto invernadoiro. Mais a súa implantación debe ser regulada e ordenada aproveitar ao máximo as súas potencialidades e evitar impactos negativos na pesca e na biodiversidade”. 

É importante protexer os valores naturais do mar, e ordenar os diversos usos para non entrar en conflito con outras actividades económicas. Se non, o prezo da transición enerxética vaino pagar a maioría da poboación mentres o beneficio queda en mans das grandes empresas.