Saltar ao contido
bombilla

A través dunha moción, propoñemos que o Concello da Coruña reactive e amplíe a Oficina Municipal de Vivenda para axudar á veciñanza a garantir o dereito a un teito 

Esiximos do Estado unha regulación dos prezos do alugueiro que non pense só nas grandes cidades

Os fondos da Xunta para medidas relacionadas coa vivenda son un 60% menores que en 2009

O grupo da Marea Atlántica buscará o apoio da Corporación municipal para reclamarlle ao Estado, á Xunta e ao Concello da Coruña un maior compromiso co Dereito á Vivenda e máis medidas para garantilo. Sempre é fundamental, pero máis aínda nun contexto de pandemia onde o fogar é una das barreiras para conter o contaxio. Con esta fin, rexistramos unha moción que será defendida no vindeiro Pleno, este xoves 3 de decembro. 

A nosa proposta é instar ao Goberno do Estado a amplíar ata o 31 de decembro de 2022 a prohibición de desafiuzamentos e cortes de luz e auga a persoas en situación de vulnerabilidade, sexa ou non consecuencia da pandemia. A ameaza da COVID19 non vai rematar en semanas nin en meses, e resulta necesario establecer barreiras sólidas contra o aumento da pobreza e a desigualdade. 

Da Moncloa reclamamos, ademais, que se proceda con urxencia a regular os alugueiros de vivenda, tal e como se comprometeu coa Plataforma de Afectadxs pola Hipoteca e os sindicatos de inquilinas. E debe facerse “cun mecanismo adaptado ás necesidades de cidades medias como A Coruña e non unicamente ás áreas de mercado tensionadas nas grandes aglomeracións urbanas”.

O nulo compromiso da Xunta

A nosa moción tamén denuncia o minguante compromiso da Xunta de Galicia coas políticas de vivenda, que sufriron un recorte do 60% con respecto a 2009. Especialmente reducidos son os fondos para vivenda protexida, “con políticas herdadas dun contexto pre-pandemia, e froito de programas fracasados coma o Rexurbe, que destinou en 2020 un millón de euros para a adquisición de inmobles nos barrios da Pescaría e a Cidade Vella e non foi capaz de executar un só euro”. 

Nos Orzamentos da Xunta para 2021, a única medida relevante neste eido (e intensamente publicitada) son os 6,3 millóns dedicados ao barrio de Xuxán. E resultan “insuficientes para abordar a construción de vivenda pública e afrontar o pago das cotas millonarias de urbanización debidas. Máis aínda tendo en conta que na Coruña existen actualmente 2.236 persoas inscritas no rexistro único de demandantes de vivenda protexida”. A única iniciativa da Xunta de Galicia que estamos a ver nos últimos meses é a de alimentar unha artificial polémica sobre a ocupación, un fenómeno cuxo escaso impacto real está respaldado por datos. 

Medidas no Concello da Coruña

Finalmente, a nosa moción insta ao goberno municipal da Coruña a procurar o acordo cos grupos da oposición para crear un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, impulsado desde a Comisión de Urbanismo cunha análise da situación actual na Coruña. 

E solicitamos que se reactive e amplíe a Oficina Municipal de Vivenda, para que sexa unha ferramenta útil á hora de “asegurar o dereito á vivenda de toda a cidadanía”, en colaboración con Servizos Sociais e a área de goberno responsable. Entre outras funcións, podería lanzar campañas de información, asistencia ás familias ameazadas de desafiuzamento, e elaborar propostas para “aumentar o banco de  vivendas municipais en propiedade e aluguer, a creación dun rexistro de vivendas en permanente desocupación e similares”. 

Cómpre que se prohiban os desafiuzamentos e os cortes de auga e luz até o 31 de decembro de 2022