Saltar ao contido

O traslado a Colombia do servizo de atención ao público de Naturgy que presta a través de Telepermance, supón a destrución de 100 empregos na Coruña

Ademais, outros aspectos como a calidade de asistencia técnica, o cumprimento da lei de proteción de datos e mesmo o servizo de atención en galego, tamén se verán afectados

O grupo provincial da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción en contra do traslado a Colombia do servizo de atención telefónica de Naturgy, que ofrece a través da empresa Teleperfomance e que na actualidade supón 120 postos de traballo na Coruña.

Tal e como explica o voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, “esta deslocalización do servizo de Naturgy vai supor unha importante perda de postos de traballo na nosa provincia, pero é que ademais, con toda probabilidade baixará a calidade do servizo, derivada tanto do menor coñecemento técnico, cultural e mesmo xeográfico das novas teleoperadoras, como da rebaixa nas esixencias no control e xestión das bases de datos na lexislación colombiana respecto da española.”

Segundo os plans de Teleperfomance, levarían a Colombia o groso do servizo de atención telefónica de Naturgy. Na Coruña ficarían unicamente 20 persoas das antigas 120 encargadas deste contrato co fin de poder atender en galego aquelas persoas que así o soliciten, se ben, nin tan sequera esta parte mínima do contrato está garantida a medio prazo.

Un histórico de destrución de emprego vencellado á antiga Fenosa

Cómpre lembrar que este último evento asociado a Naturgy (antiga Fenosa) só é o último dunha grande lista de deslocalizacións e destrución de emprego no que respecta aos antigos centros de produción e xestión da antiga Fenosa fóra de Galicia, máis logo da liberación do sector eléctrico aprobado polo goberno de Aznar que facilitou a venda de Unión Fenosa.

Na mesma orde, en  2018 o MAC, Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa -antigo MACUF, Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa- inaugurado en 1995, pechou as súas portas na Coruña, trasladando a súa valiosísima colección, composta de máis de 600 pezas de arte contemporánea, ao museo Patio Herreriano de Valladolid, sen atender as reclamacións por parte do Concello da Coruña nin da Xunta de Galicia para que os seus fondos continuasen en Galicia.

 En defensa do traballo en Galicia e da calidade do servizo en galego

Alén do exposto, o noso Grupo Provincial proponlle ao Pleno da Deputación da Coruña a adopción de acordos polos para manifestar todo o apoio á plantilla de Teleperfomance, do mesmo xeito que se insta á empresa a manter o servizo de atención a clientes de Naturgy na provincia da Coruña e que Estado e Xunta de Galicia tome cantas medidas sexan necesarias para que así sexa.

Por outra banda, insta á Xunta de Galicia a esixirlle a Teleperformance e Naturgy o cumprimento do dereito efectivo da cidadanía galega a sermos atendidos en galego.

Levamos ao Pleno da Deputación unha moción en contra da deslocalización de Teleperfomance