Saltar ao contido

Desde a pandemia, os pisos turísticos aumentaron un 50% na provincia da Coruña e un 62% en Galicia, con impacto na suba dos alugueres e a xentrificación

A Marea Atlántica defenderá no Pleno da Deputación Provincial, este xoves 22 de decembro, unha moción para reclamar que os Concellos exerzan un maior control e regulación das vivendas de uso turístico en Galicia, xa que o decreto aprobado pola Xunta en 2017 se está a demostrar insuficiente para frear os efectos nocivos deste modelo de explotación dun recurso básico como é a vivenda. “O impacto das vivendas de uso turístico na suba dos prezos dos alugueres e na xentrificación dos barrios, expulsando á veciñanza, está probado e pode verse en numerosas cidades, e contribúen a que sexa imposible alugar. Por iso instamos a frealo e a introducir a licenza ou título habilitante municipal coma un requirimento”, explica o noso voceiro provincial, Alberto Lema. 

A excesiva flexibilidade da normativa actual está a a facer que o incremento das vivendas turísticas sexa explosivo e descontrolado. Desde o comezo da pandemia, en marzo de 2020, pasamos de ter 3.877 vivendas de uso turístico na provincia da Coruña a ter 5.747, con 16.052 habitacións e 30.764 prazas, nun incremento de case un 50%. No conxunto de Galicia a suba é maior, de 10.464 a 16.953 pisos turísticos, un 62%. 

Na cidade da Coruña chegaron a duplicarse desde 2019. Na actualidade existen máis de 700 vivendas de uso turístico, un 40% máis das que se poden atopar dispoñibles para uso residencial común. Isto ten impacto directo no prezo dos alugueiros: segundo o Observatorio da Vivenda da Xunta, A Coruña xa ten o alugueiro medio máis alto de Galicia, que medrou un 42% nos últimos oito anos. Un problema que se reproduce, en distinta medida, en todas as cidades galegas, pero no que só Santiago de Compostela está a actuar, apostando pola regulación. 

“Con estes datos na man, resulta obvio que é necesario regular cuestións coma os períodos de apertura das vivendas de uso turístico, as zonas nas que poden implantarse ou a súa proporción con respecto ao volume total de vivendas nun municipio”, sinálase na nosa iniciativa. 

Neste sentido, lembramos que a Marea Atlántica chegou a un acordo co goberno local da Coruña en decembro de 2021, que inclúe medidas relacionadas coa vivenda e que suman 9 millóns de euros nos Orzamentos municipais deste ano, pero tamén o inicio da regulación dos pisos turísticos. Ata o de agora, este punto, coma a práctica totalidade do acordo, está sen cumprir. 

Regulación e boas prácticas

Por iso, nesta iniciativa instamos á Xunta de Galicia a modificar o seu decreto 12/2017 para facer obrigatorio que os pisos turísticos teñan licenza ou título habilitante municipal. E tamén a realizar un estudo do impacto das vivendas turísticas, con especial atención ao seu impacto no mercado da vivenda e na convivencia nos barrios. 

Finalmente, instamos á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a que, da man do sector turístico, elabore unha guía de boas prácticas dirixida aos concellos, para que poidan implantar no seu planeamento e ordenanzas a regulación e control dos pisos turísticos. Agardamos que esta proposta reciba o apoio da maioría dos grupos representados na Deputación Provincial. 

 

Reclamamos na Deputación que os concellos e a Xunta exerzan un maior control das vivendas turísticas