Saltar ao contido
defende a galega

O ente público vén de ser condenado en firme por por vulnerar o dereito á liberdade de expresión do xornalista Carlos Jiménez 

O movemento Defende a Galega leva máis de catro anos denunciando nos Venres Negros o uso partidista que o PP fai da tele e a radio públicas

O grupo provincial da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Deputación Provincial da Coruña, este venres 29 de xullo, na que solicita o apoio ás protestas das traballadoras e traballadores da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) pola constante manipulación dos medios públicos galegos para sometelos aos intereses do Partido Popular e o goberno da Xunta. 

Trasladamos esta iniciativa despois de que, no mes de xuño, a CRTVG fose condenada en firme por vulnerar o dereito á liberdade de expresión do xornalista Carlos Jiménez, ao sancionalo por participar desde 2018 nas protestas da Plataforma Defende a Galega, un grave fito no negro historial represivo do ente público. Precisamente o día do Pleno cumpriranse 219 semanas, máis de catro anos, de Venres Negros, a iniciativa coa que Defende a Galega denuncia o incumprimento sistemático da Lei 9/2011, coñecida como Lei de Medios e a necesidade dunha radio e unha televisión pública dignas. Protestas ante as que a dirección designada pola Xunta responde con censura e represalias á interna. 

Como sinala Alberto Lema, o noso voceiro provincial, “a CRTVG ten que cumprir a misión para a que foi creada, garantir o dereito das galegas e os galegos a ter unha televisión e unha radio que sirvan aos intereses da cidadanía e non á campaña electoral permanente do Partido Popular”. 

Debe cumprirse a Lei de Medios

Por iso, desde a Marea Atlántica queremos sumarnos unha vez máis ás reivindicacións de Defende a Galega e pedirlle a todos os grupos da Deputación o seu apoio “ás reclamacións do cadro de persoal da CRTVG na súa defensa da liberdade de expresión e contra o control e a manipulación dos medios públicos”. Na mesma liña, esiximos que se cumpra a Lei de Medios e instamos á recoñecer e reparar os danos causados ao xornalista Carlos Jiménez, “polo inxustificable e probado proceder contra a súa liberdade de expresión nos últimos anos”.

Procuramos o apoio da Deputación ás reivindicacións das traballadoras da CRTVG contra a manipulación dos medios públicos