Saltar ao contido
Rapaces e rapazas nun aula

Reclamamos máis profesorado e persoal, ratios máis baixas e medidas de conciliación ante o peche de aulas. O goberno galego ten que exercer as súas competencias

 

O grupo da Marea Atlántica defenderá no Pleno da Deputación Provincial, mañá 25 de setembro, unha moción para reclarmarlle á Xunta de Galicia que deixe de abdicar das súas competencias e tome medidas para garantir un curso escolar o máis seguro posible ante a pandemia da COVID19. O noso voceiro provincial, Alberto Lema, sinala que “o abandono de funcións por parte do goberno de Feijóo tivo xa efectos directos sobre o alumnado e o profesorado no ensino secundario no noso país, que viu como se suspendía o inicio de curso ao careceren os centros dos medios precisos para garantir a seguridade e a saúde da comunidade educativa”. 

A nosa proposta de acordo insta ao goberno galego a dotar os centros de ensino de máis profesorado e máis persoal en tarefas de apoio, e a “facer os investimentos necesarios para reducir a ratio de alumnado por aula”. E, por suposto, a ampliar os recursos de conciliación para que as familias non teñan que afrontar soas o peche de aulas por rebrotes. Servizos como a canguraxe ou as ludotecas son máis necesarias ca nunca. 

Todo isto debe facerse dialogando coa comunidade educativa, escoitando a ANPAS, profesorado e equipos directivos dos centros, non a golpe de ocorrencias e improvisación, como está a suceder ata o de agora, con constantes cambios nos protocolos e medidas que só buscar ser baratas, non efectivas. 

A Marea Atlántica leva ao Pleno da Deputación unha moción para esixirlle á Xunta que tome medidas para garantir aulas seguras no ensino público