A Marea Atlántica levará ao Pleno municipal unha moción na que esixe un consorcio público “como forma de participación e xestión do novo horizonte litoral”.
“Hai decisións que non se poden tomar nos despachos de Compostela, Madrid ou nun consello de administración onde a cidade apenas ten representación”, di o texto.
O grupo municipal da Marea Atlantica presentará no vindeiro Pleno municipal —o luns 6 de novembro— unha moción que procura “a adhesión incondicional” da Corporación ao dereito da cidade da Coruña a decidir sobre o futuro do seu bordo litoral, xobre a súa planificación e ordenación.
O texto salienta a “falta de lealdade institucional do Presidente da Xunta de Galicia coa cidadanía da Coruña e cos seus representantes institucionais no Concello”, en relación á comparecencia que o pasado 10 de outubro Alberto Núñez Feijoo realizou co titular de Puertos del Estado, José Llorca, “sobre a rectificación da venda de terreos patrimoniais, e na que se evidenciou a intención de apartar ao Concello da Coruña e a súa veciñanza das decisións a tomar no seu bordo litoral”.
Colaboración para evitar que se especule cos terreos do porto interior

“Hai decisións que non se poden tomar nos despachos de Compostela, Madrid ou nun consello de administración onde a cidade apenas ten representación”, sinala o grupo municipal, que lembra que “A Coruña, tanto a través do seu goberno como dun número importante de entidades cívicas, está a reclamar desde hai dous anos o seu dereito a decidir, democraticamente, o futuro do conxunto do seu borde litoral”. Quedou moi claro na manifestación do 7 de maio deste ano.
Así, e coa finalidade de dar saída á demanda cidadá, o executivo coruñés instará no vindeiro Pleno tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central a negociar e asinar co Concello un protocolo de colaboración “que teña por obxectivo a revisión dos convenios de 2004, e con ela a do PXOM de 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade baseado na titularidade pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios”.
“O protocolo estará destinado a garantir que o novo horizonte litoral non sexa vítima da especulación ou a imposición”, expón o texto, que á vez propón solicitar a APAC, Puertos del Estado, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e ADIF constituír, xunto co Concello, un consorcio público presidido polo alcalde da Coruña “como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral no que, o consistorio coruñés teña garantida a participación suficiente para a súa execución”.
Financiamento do tren a Punta Langosteira

“Aínda que é o Concello da Coruña a quen lle corresponde liderar o rumbo da cidade, en virtude das súas competencias e da súa natureza como administración de proximidade, a envergadura do desafío que supón a transformación da fronte marítima fai aconsellable emprender un camiño de diálogo e cooperación entre todas as administracións comprometidas co progreso e o desenvolvemento da Coruña, cabeceira dunha importante área metropolitana e motor económico de Galicia”, lembra o grupo de goberno local.
Por último, o texto que presentará o grupo que sustenta o goberno municipal, solicitará instar, de novo, ao Ministerio de Fomento e Puertos del Estado que impulse e financie a conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira e, ao conxunto das administracións competentes, “a incrementar os esforzos na súa plena operatividade, conectividade e promoción internacionais”. Así, o executivo municipal solicitará que a execución do proxecto, que xa dispón dunha Declaración de Impacto Ambiental aprobada, “conte coa suficiente dotación orzamentaria para que o comezo efectivo das obras da conexión sexa en 2018”.