A meirande parte das persoas que pretendían cruzar a fronteira hispano-marroquí proceden de países en guerra, teñen dereito a asilo e o Estado debe garantilo
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno de xullo unha moción para condenar o acontecido en Melilla o pasado 24 de xuño, cando morreron 37 persoas e máis dun centenar resultaron feridas ao tratar de cruzar a valla que separa Marrocos da cidade autónoma de Melilla. O episodio evidencia a brutalidade coa que actuou a policía marroquí e mesmo a letalidade dos elementos físicos do valado que delimita a fronteira entre os dous países.
“Sabemos que a meirande parte desta persoas migran fuxindo da guerra en países como Sudán ou Chad. O dereito internacional confírelles o status de refuxiados con dereito a asilo, unha condición que o Estado se nega sistematicamente a recoñecer”, apunta María García, voceira da Marea Atlántica.
A traxedia acontecida o pasado venres en Melilla subliña o racismo e a hipocrisía da UE no tratamento da migración. A UE vén de concederlle o asilo automático ás persoas refuxiadas da guerra en Ucraína, mentres abandona a milleiros de persoas que foxen de zonas en guerra en África. Europa debería responsabilizarse da súa fronteira máis setentrional, sobre todo tendo na memoria as prácticas coloniais do seu pasado recente, nun continente asediado polas continuas guerras, o cambio climático e as consecuencias destes sobre a súa propia capacidade de producir alimentos.
O estado español, cómplice
A moción sinala ao Estado como cómplice por omisión do masacre do pasado venres en Melilla. Así mesmo, Marea Atlántica rexeita na moción as declaracións de Pedro Sánchez, que afirmou que o asalto estaba “ben resolto por parte dos corpos de seguridade, tanto de España como de Marrocos”, malia a brutalidade que amosan as imaxes.
Os cambios introducidos de xeito unilateral polo PSOE ao respecto do recoñecemento do dereito de autodeterminación no Sáhara, abriron paso a outra etapa nas relacións entre España e Marrocos, cun “novo modelo” de seguridade na fronteira sur de Europa, que a todas luces atenta contra os dereitos humanos