Saltar ao contido

Cen mulleres en lista de espera e ata tres meses para iniciar un tratamento anticonceptivo

A directora e última xinecóloga que exerce no Centro de Planificación Familiar xubílase en 2020 sen que a Xunta teña previsto substituíla. Deixaría a toda a área sanitaria da Coruña, 40 concellos, sen atención á saúde sexual e reprodutiva 

A voceira Municipal da María Atlántica, María García, e a deputada Paula Quinteiro, do Grupo Común da Esquerda, denunciaron hoxe a “situación crítica” que viven os Centros de Planificación Familiar (COF) na Coruña, tanto o de Orillamar como o do Ventorrillo. Están a piques de quedar sen ningunha xinecóloga para atender a saúde reprodutiva e sexual das mulleres en case 40 concellos, toda a Área Sanitaria da Coruña.

María García lembrou que, xa no anterior mandato, o goberno da Marea Atlántica denunciou esta falta de recursos en repetidas ocasións, sen que nin o Sergas nin a Xunta de Galicia fixeran nada para remediala. Agora, “a situación é insostible e intolerable. A directora do COF de Orillamar, a única xinecóloga que queda nos dous centros, xubílase en 2020 e non está asegurado que renoven a súa praza”. O no mes de marzo xubilouse outro xinecólogo,  sen que ninguén o substituíra, e o centro do Ventorrillo carece desta especialidade desde hai sete anos.

Paula Quinteiro, na mesma liña, “sinalou que son moitas as mulleres que están sen atender, por unha decisión ideolóxica da Xunta. Non están repoñendo as prazas e vemos como non teñen ningunha intención de defender os dereitos das mulleres especialmente no que ten que ver coa saúde sexual e reprodutiva”.

A lista de espera no COF medra cada mes, formada hoxe por máis de 100 mulleres. Hai demoras  de tres meses para recibir un método anticonceptivo, e dun mes para facer unha ecografía. Á falta de persoal hai que sumarlle as dúas prazas de matrona, vacantes desde que se xubilaron as titulares en 2017. O Sergas cúbreas con substitucións temporais, o que non só precariza o emprego, senón que fai imposible o correcto seguimento das pacientes. Nestes dous anos pasaron polo centro nove matronas diferentes.

Para reclamar máis recursos nos COF, a deputada Paula Quinteiro presentará unha Proposición Non de Lei no Parlamento de Galicia e o grupo da Marea Atlántica levará unha moción ao próximo Pleno en María Pita

Para reclamar que se repoñan as prazas en Orillamar e no Ventorrillo e se dote aos COF de todos os recursos necesarios, o grupo municipal da Marea Atlántica presentará unha moción no Pleno do mes de xaneiro, mentres o Grupo Común da Esquerda impulsará unha Proposición Non de Lei no Parlamento de Galicia e realizará preguntas ao goberno de Feijóo polas medidas que pensa tomar.

Un caso semellante ao de Verín

Paula Quinteiro sinalou que “a Xunta está a a desmantelar os COF, non abre centros onde son necesarios e non cubre as prazas nos que hai”, e engadiu que “é un paso máis na dinámica xeral de precarización dos servizos sanitarios, sobre todo dos que benefician ás mulleres, como estamos a ver en Verín co peche do paridoiro, aínda que a mobilización parece que abre a porta a solucionalo”.

Neste sentido, María García afirmou que “a diminución dos recursos para a saúde reprodutiva e sexual das mulleres é constante e sistemática, nun recorte sanitario e de dereitos que hai que contestar con firmeza”.

Cómpre lembrar que os COF son os únicos centros públicos que orientan e atenden ás mulleres  nos pasos previos á interrupción voluntaria do embarazo, e que se ocupan de acompañar o uso de métodos anticonceptivos. Un servizo fundamental, que a Xunta recorta por motivos ideolóxicos, quedando reservado só para quen pode pagarse unha visita á sanidade privada.

Situación crítica do COF de Orillamar: denunciámolo no Concello e no Parlamento de Galicia