Tamén pedimos que o goberno municipal que reforce o Centro de Información á Muller con atención urxente, para que as vítimas de violencia machista non teñan lista de espera

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno deste xoves, 16 de xaneiro, unha moción en defensa do Centro de Planificación Familiar (COF) de Orillamar, que está a piques de quedar sen profesionais de xinecoloxía logo da inminente xubilación da última que queda en activo. Como xa temos denunciado, o COF do Ventorrillo leva sen servizo de Xinecoloxía desde 2013, e o de Orillamar é o único que pode atender aos máis de 40 concellos da área sanitaria da Coruña.

Por isto, buscaremos o apoio da Corporación municipal para reclamarlle á Xunta de Galicia que reinstaure as prazas de Xinecoloxía nos únicos centros públicos nos que unha muller pode asesorarse sobre a interrupción voluntaria do embarazo e os métodos anticonceptivos máis axeitados para a súa saúde. Como sinala o texto, “O Sergas, a pesar das múltiples reclamacións, continúa sen cubrir de xeito estable esta praza. Durante o verán do ano pasado foron designadas até cinco xinecólogas diferentes para acudir en días soltos. Esta situación está a provocar listas de agarda e a imposibilidade das profesionais, por falta de recursos, de cumprir os obxectivos do centro en canto a anticoncepción”.

Reforzo para o CIM

Ademais, pedímoslle ao goberno municipal da Coruña o reforzo do Centr0 de Información á Muller, “un recurso que atence a máis de 900 persoas ao ano e articula unha intervención global dirixida ás mulleres, proporcionando asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral”. Actualmente ten unha lista de agarda de varios meses, algo que no caso das vítimas da violencia machista é intolerable. Por iso reclamamos que se poña en marcha un servizo de atención urxente.

Como di o texto, é preciso darlle continuidade ao impulso feminista que supuxo o goberno da Marea Atlántica, “reforzando servizos que están a perder calidade, como os COF e o CIM, e iniciando as medidas oportunas para a aplicación da ordenanza de igualdade na diversidade”.

Finalmente, a moción solicita que se cree a comisión de seguimento prevista na Ordenanza de Igualdade desenvolvida no anterior mandato, para iniciar o seu cumprimento, e que se convoque o Consello Municipal da Muller.

Polo mantemento  dos postos de traballo en Emesa

Ademais, e a instancias do Comité de Empresa de Emesa, presentaremos unha moción para esixir que a Consellería de Industria da Xunta de Galicia estude e implemente saídas ao conflito laboral nesta planta de elaborados metálicos, para evitar o seu peche e a perda de 90 postos de traballo.

En decembro xa se produciron 30 despidos en EMESA, situada en Coirós, a pesar de tratarse dunha das mellores empresas do mundo en  enxeñería, fabricación e montaxe de estruturas metálicas singulares, con traballos en varios continentes.