O goberno de Xulio Ferreiro asinou en 2016 un convenio no que o Estado se comprometía a asumir parte da rehabilitación do vello penal. Agora, debe manter ese compromiso, logo de deixar o edificio en ruínas tras unha década sen mantelo

Xan Xove: “A recuperación do cárcere non pode quedar bloqueada. Se a Inés Rey non se lle ocorre alternativa a un acordo ruinoso, levarémoslla nós”

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, e María García, voceira municipal, anunciaron hoxe en rolda de prensa que o noso grupo levará ao Pleno do mes de xaneiro unha iniciativa que propón solucións para recuperar o antigo cárcere da Torre e insta a alcaldesa a seguir negociando co Estado e a Sociedade de Equipamentos Penitenciarios (Siepse) para conseguir que este edificio patrimonial lle sexa cedido ao Concello nunhas condicións xustas. Presentaremos unha moción para reclamalo, que agardamos que reciba o apoio maioritario da Corporación municipal.

“O futuro do cárcere da Torre non pode quedar bloqueado porque Inés Rey sexa incapaz de presentar unha boa proposta de acordo. A súa obriga é procurar unha alternativa, que é posible, e se a ela non se lle ocorre, levámoslla nós ao Pleno. A prioridade é que o edificio volva ter un uso social e aberto á veciñanza, coma logrou en 2018 o goberno da Marea Atlántica”, explica Xan Xove.

María García, pola súa banda, lembrou que “o goberno de Xulio Ferreiro xa demostrou que pode facerse mellor, cando en 2016 asinou un convenio co Estado que fixo posible esa reapertura do cárcere en 2018, un convenio no que a Siepse se comprometía a correr co 50% dos gastos de rehabilitación taxados naquela altura. Por que agora queren vender como único acordo posible un no que o Concello asume todo o importe de rehabilitar?”.

A nosa voceira municipal aclarou que “o 28 de decembro, o día das inocentadas, o goberno local propúxonos pagarlle 2,3 millóns de euros ao Estado para que lle transfira á cidade o antigo penal da Torre tras deixalo en ruínas”. Un mal acordo que non está avalado por ningunha sentenza xudicial e que, na súa letra pequena, carga ao Concello coa obriga de rehabilitar o edificio, unha tarefa taxada en 30 millóns de euros, e exime o Estado da súa responsabilidade no mal estado do edificio, en cuxa conservación só investiu 23.000 euros en dez anos. Os motivos polos que o Pleno o rexeitou resultan obvios.

O Estado non pode eludir a súa responsabilidade

“Se o cárcere é hoxe unha ruína, é porque a Siepse faltou ao seu deber de conservalo”, afirma Xan Xove, lembrando que é un inmoble singular situado ao pé dun monumento patrimonio da Humanidade, coma a Torre de Hércules. Mesmo o ICOMOS, organismo dependente da Unesco, redactou unha advertencia na que insta o Concello e o Estado a facer todo o posible para rehabilitar o edificio.

Por iso, na moción que levaremos ao Pleno, e a expensas do que se poida negociar, tamén instamos a abrirlle desde o Concello un expediente á Siepse “por faltar de xeito continuado á súa obriga de  rehabilitación e conservación do antigo penal, en lugar de indultala na letra pequena dun acordo no que a alcaldesa quería comprometerse a non acudir á vía xudicial polos danos no edificio”, di o candidato da Marea Atlántica.

Acudiremos á Valedora do Pobo se non hai transparencia

O último punto da nosa proposta será o de debater, de xeito público e aberto, os futuros usos do antigo cárcere cando poida ser recuperado para a veciñanza. Tal e como fixo a Marea Atlántica no pasado mandato, da man de Proxecto Cárcere, nun proceso que logrou a reapertura temporal do cárcere, pero que foi obxecto dun brutal ataque por parte do PP e os seus altofalantes. “Ata o punto de levar a declarar ao xulgado á compañeira Claudia Delso en plena campaña electoral, por culpa dunha denuncia falsa”, lembra Xan Xove.

Tal e como denuncia Xove, “hai meses que a Marea Atlántica pediu acceso a eles, foinos concedido por silencio administrativo, pero aínda non se entregou esa documentación. Se non a recibimos en breve, tal e como anunciamos no pleno extraordinario, tocará pedir amparo á Valedora do Pobo e lembrarlle a Inés Rey que xa foi condenada por violar os dereitos fundamentais da oposición”.

A herdanza de Paco Vázquez

Finalmente, María García explicou que as cifras recoñecidas no mal acordo entre o goberno local e o Estado “non se corresponden con ningunha sentenza xudicial”. E aclarou que “a presunta débeda de 2,8 millóns e unha presunta quita de pouco máis de 500.000 euros só veñen dun pacto negociado pola alcaldesa, pero o único que dixeron os xulgados, polo de agora, é que segue vixente o convenio asinado en 2005 por Francisco Vázquez que obriga a pagar 1,1 millóns de euros”.

En efecto, un ano despois de hipotecar os peiraos, Vázquez asinou un convenio ‘esplendoroso’ co Estado polo cárcere, no que comprometeu ao Concello a pagar  por un edificio que fora construído en terreos municipais cedidos en 1925, e que debería ter sido regresado de balde. Foi un convenio irregular, asinado polo alcalde sen delegación de competencias, sen fondos orzamentarios e sen informes técnicos. E que obriga a pagar 1,1 millóns de euros, sexa cal sexa o estado do edificio.

“O PP tentou evitar esta obriga cunha estratexia xudicial que, lamentablemente, fracasou. E ata aquí a situación actual. Varias sentenzas xudiciais impediron a anulación do convenio de Paco Vázquez nos termos en que a argumentaba o Partido Popular, pero non hai ningunha sentenza que fixe o pago de indemnizacións ou intereses ao Estado: nin de 2,8 millóns, nin de 2,3” insistiu a nosa voceira municipal.