Saltar ao contido

María García: “Procuraremos o apoio da maioría progresista do Pleno para superar un modelo de xestión desigual, caro e dubidoso, abrindo camiño na recuperación de servizos públicos”

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 12 de setembro, unha moción na que reclamará que siga adiante o proceso para que toda a rede de bibliotecas municipais teña un modelo de xestión pública directa.

Ante a anulación da encomenda a Emvsa para iniciar o proceso e a incerta reacción do goberno municipal, que en menos de 24h pasou de anunciar a fin da municipalización a dicir que a retomaría, a nosa voceira, María García, sinala que “procuraremos o apoio da maioría progresista do pleno para defender a xestión municipal directa do servizo de bibliotecas e superar un modelo desigual, caro e dubidoso, abrindo camiño na recuperación de servizos públicos.

Nestes momentos, as bibliotecas do Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosais e Durán Loriga están xestionadas por empresas privadas, nun modelo que fixa diferenzas de servizo, desigualdades laborais, e encarece o custo para as arcas públicas. O proceso municipalización destes centros suporá melloras na atención á cidadanía, garantirá emprego e aforrará uns 300.000 euros anuais.

O proceso abriuse hai tres anos, no anterior mandato, desafiando as leis de austeridade que introduciu Mariano Rajoy e mantivo Pedro Sánchez, pensadas para facilitar as privatizacións e dificultar a xestión pública. “Temos unha oportunidade de innovar e abrir un camiño na recuperación de servizos para o público, que outros concellos poderán imitar. Se a Deputación da Coruña e a Xunta puxeron en marcha un proceso semellante nos parques comarcais de bombeiros, non entendemos por que o PP e o PSOE optarían polo bloqueo no caso das bibliotecas municipais. É momento de valentía política”, engade María García.

A Marea Atlántica levará a Pleno unha moción para reclamar a xestión pública directa de toda a rede de bibliotecas municipais