Saltar ao contido

As dependentas, na súa maioría mulleres, cobran pouco máis do salario mínimo, a metade que noutros departamentos dos servizos centrais

Procuraremos que a maioría da Corporación municipal lle dea o seu respaldo á xornada de folga convocada para o 23 de decembro

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, na que trasladamos o noso apoio ás mobilizacións das dependentas das tendas de Inditex e á nova xornada de folga que convocaron para o 23 de decembro, e agardamos que o resto da Corporación faga o mesmo. 

Na iniciativa, lembramos a folga xa celebrada nos días 24 e 25 de novembro tivo un seguimento moi maioritario e con mobilizacións moi visibles nas rúa da Coruña. Reclamaban a equiparación salarial con outros departamentos da empresa. Elas, na súa inmensa maioría mulleres, teñen un salario base de 1.080€ ao mes que leva tres anos conxelado e supón practicamente a metade do que se cobra noutras áreas dos servizos centrais da empresa, de maioría masculina, o que pon de manifesto unha fenda salarial de xénero no seo da empresa, tal e como denuncian as dependentas.

As ofertas de mellora da empresa seguen moi afastadas das reclamacións sindicais, o que levou á convocatoria dunha nova xornada de folga o 23 de decembro, ante a que amosamos todo o noso apoio. O elevado aumento da inflación que se vén acumulando nos últimos anos fai que, como se clama nas mobilizacións, “en Inditex non se chega a fin de mes”. Polo tanto, só coa acumulación de horas extra poden complementar o seu salario, sacrificando o dereito á conciliación e ao descanso. 

Fend de xénero nos salarios

Tal e como sinala a nosa iniciativa, “poucos días despois de aprobar polo 25N importantes declaracións públicas a favor da igualdade real entre homes e mulleres, é preciso lembrar que a existencia dunha fenda salarial de xénero permanece intacta no noso mercado laboral, mesmo en empresas, como Inditex, que ofrecen cada trimestre beneficios multimillonarios. O principio de “a igual traballo igual salario” está lonxe de se ver cumprido no noso mercado laboral, que segue reservando para as mulleres os empregos máis precarizados e peor pagados”.

Así mesmo, as traballadoras esixen que as negociacións das súas condicións laborais se negocien de xeito preferente en Galicia, onde se atopan os servizos centrais da empresa e onde se están a realizar as mobilizacións e non en Madrid, como está acontecendo na actualidade, o que supón unha perda de súa capacidade negociadora.

Levamos ao Pleno unha moción en apoio á folga das traballadoras de Inditex