A moción que o Concello, pola súa proximidade á veciñanza, “é idóneo para desenvolver e implantar medidas que incidan de xeito efectivo na vida das mulleres”.
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno do 11 de febreiro unha moción na que instará a todos os grupos políticos do Concelo a apoiar activamente a folga feminista do 8 de Marzo, “e que tomará as rúas con amplas accións de reivindicación, amosando que se as mulleres paran, para o mundo”.
O texto lembra que a convocatoria, de carácter internacional e impulsada polo movemento feminista co apoio de colectivos políticos, sociais e sindicais, “parte da denuncia fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que sofren as mulleres, aínda que tamén reivindica un novo modelo social, xusto, democrático e igualitario”. “Se desexamos que a nosa sociedade sexa realmente democrática debemos ser capaces de eliminar os comportamentos machistas contra máis da metade da poboación, froito do patriarcado máis conservador, rancio e prexudicial que se estende en todos os ámbitos sociais”, sinala a moción.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, sinala que, nesta ocasión, a do vindeiro 8M “é unha folga máis necesaria ca nunca xa que os avances que se lograron no noso país grazas ás medidas impulsadas polas feministas nas políticas de igualdade están a verse ameazados pola aparición de novos partidos de ultradereita que non recoñecen na nosa sociedade esa desigualdade estrutural”. Neste sentido, a edil salienta que a folga pretende visibilizar e cuestionar o papel tradicional da muller “en catro eixos centrais da organización social, como son o traballo reprodutivo e de coidados, o ámbito laboral, o estudantil e o consumo, aínda que hai moitas máis liñas de traballo abertas”.
Queremos garantir o dereito á folga este 8 de marzo
A Marea Atlántica tamén propón, a través desta moción, pendurar unha faixa da fachada do Pazo de María Pita como acto simbólico de apoio á folga e de recoñecemento das reivindicacións, ademais de facilitar os medios dos que dispoña o Concello para a difusión de eventos, manifestacións e actos convocados polas asociacións e colectivos de mulleres que compartan o obxectivo da folga. “A proximidade coloca ás administracións locais como as idóneas para recadar, desenvolver e implantar medidas que incidan de xeito efectivo e decisivo nas vidas das mulleres”, reza o documento.
Por último, a moción instará ao Pleno a adoptar as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as traballadoras municipais que desexen participar da reivindicación. “Se as mulleres paran, para o mundo, para darnos a todas a oportunidade de pensar de que maneira podemos contribuír a transformalo, mudando este sistema patriarcal por outro baseado na igualdade, na xustiza social, no respecto á diversidade e a defensa da liberdade e a democracia”, sinala o texto.