Saltar ao contido

  Alberto Lema: “A Xunta e o Estado teñen a obriga de protexer a industria, pero están a amosar unha actitude pasiva e ausente” 

A posible perda de 400 postos de traballo na Coruña e 500 en San Cibrao é dobremente dramática na situación de crise derivada da pandemia de COVID-19

O Pleno da Deputación Provincial aprobou hoxe, por unanimidade, unha moción da Marea Atlántica en apoio ás plantillas da fábrica de aluminios da Coruña (Alu Ibérica, propiedade do Grupo Riesgo), e da de San Cibrao (Alcoa). A primeira, despois de anos de incerteza, acaba de ser vendida de xeito opaco e irregular a unha empresa sen experiencia no sector, poñendo en risco 400 postos de traballo. E a segunda vén de coñecer o anuncio de peche por parte da empresa, o que significaría a perda de máis de 534 empregos.

Como declarou o noso voceiro provincial, Alberto Lema, “Traemos esta moción aquí para solidarizarnos cos traballadores de Alcoa, pero tamén para denunciar as decisións políticas das que agora vemos as consecuencias”. Lembrou que as fábricas eran propiedade de Inespal, unha empresa pública, vendida polo goberno de Aznar en 1998 por baixo do seu prezo real, “nunha decisión que está no cerne do que padecemos hoxe, e que se deriva da nefasta liberalización do sector enerxético en 1995”.

Protección do emprego industrial

Lema tamén argumentou a necesidade de protexer o sector industrial de na difícil situación actual causada pola pandemia de COVID-19, como se fixo en 2019 ante a ameaza de Alcoa de pechar as fábricas da Coruña e Avilés, freada cunha forte mobilización social. As factorías foron adquiridas por Parter, pero só oito meses despois desfíxose delas cunha nova venda ao Grupo Riesgo.

“É necesario lembrar que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado subscribiron no seu día un compromiso de tutela cos traballadores de Alcoa para asegurar os postos de traballo que estaban en risco daquela e hoxe tamén novamente. Un compromiso que contrasta coa súa actitude pasiva e ausente ante as sucesivas operacións de venda e cambio de mans que acabamos de relatar”, afirmou Alberto Lema.

Sen apoio para a derrogación da reforma laboral

O grupo da Marea Atlántica presentou unha segunda moción neste Pleno, reclamando a derrogación da reforma laboral do PP en 2012, unha lexislación reaccionaria que recortou dereitos laborais e contribuíu a espallar precariedade e desigualdade. Pero neste caso os votos de PP e PSOE sumaron para rexeitar a proposta.

“A Reforma Laboral cargou na clase traballadora a factura dunha crise da que non é responsable. Dos 60.000 millóns do rescate bancario non recuperamos un euro. Os beneficios foron aos accionistas de Bankia, a factura, para as clases traballadoras”, argumentou Alberto Lema.

 A Deputación aproba por unanimidade unha moción da Marea Atlántica en apoio ás plantillas de Alcoa e Alu Ibérica