Saltar ao contido

Presentamos unha moción para reclamar un reparto xusto das tarefas de coidados, a posta en valor dos traballos esenciais, sempre feminizados, e o reforzo dos servizos públicos

A precariedade ten nome de muller: as galegas cobran case 5.500 euros menos ao ano que os homes, asinan o 75% dos contratos temporais e son o 87% das persoas que deixan de traballar para asumir coidados


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, este mesmo xoves, unha moción en apoio ás reivindicacións e mobilizacións dos colectivos  feministas para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Baixo o lema Nin escravas, nin heroínas. Mulleres con dereitos xa, “nesta xornada, coma no resto do ano, denunciamos a desigualdade, a invisibilización, a fenda salarial, os teitos de cristal e as violencias que nos afectan ás mulleres”, en palabras da nosa voceira, María García. 

Como se lembra nesta moción, hai inxustizas e desigualdades que levan tempo instaladas entre nós, pero que se recruaron e puxeron de manifesto durante a covid-19. É o caso do desigual reparto dos coidados pois, pese a ser imprescindibles para a vida, quedan maioritariamente nas mans das mulleres. Os datos do IGE son moi claros: durante o 2021 o 87% das persoas que deixaron de traballar para coidar foron mulleres. Como sinala María García, “a redistribución das tarefas das que depende a vida cotiá é urxente”. 

A pandemia tamén deixou clara a importancia dos chamados “traballos esenciais”, aqueles sen os que a sociedade non pode manterse, peor que adoitan estar desprestixiados, ter malas condicións laborais e recaer no lombo das mulleres. Outros datos: as galegas cobran, de media, un 5.488 euros anuais menos que os homes, por enriba da media española. E durante o último trimestre de 2021, o 75,5% dos contratos temporais estaban asinados cun nome feminino. A precariedade ten xénero. 

Por iso, reivindicamos unha verdadeira “nova normalidade”, que comece por dignificar as tarefas esenciais para a vida, tanto no fogar coma no eido laboral. Unha normalidade na que Xunta, Estado e concellos reforcen os servizos públicos, universais, gratuítos e de calidade. Na que se coloque a vida no centro e se promovan pactos sociais pola xustiza de xénero, ecolóxica e económica. Unha sociedade máis feminista será unha sociedade mellor para todo o mundo.

A Marea Atlántica reivindica neste 8M unha vida con dereitos, non concesións, para todas as mulleres