Saltar ao contido

María García: “Rara é a semana que non acudimos a María Pita por un minuto de silencio, por mor dun asasinato machista. Alén dos xestos, hai que avanzar con accións e políticas públicas”

Presentamos tamén unha emenda á moción do PP sobre o porto: urxe liquidar os convenios de 2004, constituír un consorcio público e reabrir á sociedade o debate sobre o futuro do litoral

A Marea Atlántica rexistrou a semana pasada unha moción para debater no Pleno municipal de mañá xoves 10 de novembro na que se insta o goberno de Inés Rey a dar cumprimento ás diferentes iniciativas relativas á loita contra a violencia de xénero e a igualdade, presentadas e aprobadas pola corporación municipal ao longo deste mandato.

“Os xestos e os minutos de silencio son moi necesarios pero ante un problema tan grave non podemos quedar aí. Loitar contra a violencia machista, polo o feminismo e a igualdade, precisa de accións e políticas públicas audaces”, sinala a voceira da Marea Atlántica, María García. “Tampouco é de recibo adoptar compromisos que despois non se executan, como está a pasar dende que Inés Rey chegou á alcaldía, que nin sequera dá cumprimento aos acordos aprobados no Pleno.”

A este respecto, a moción rexistrada fai un chamado a reforzar o Centro de Información á Muller, a Casa de Acollida ás mulleres vítimas de violencia macchista e o Centro de Orientación Familiar.

Do mesmo xeito, a moción reclama que se respecte a Ordenanza Municipal de Igualdade en vigor, que formou parte dos acordos de investidura entre a Marea Atlántica e o PSOE. O Consello Municipal de Igualdade é outro foro de diálogo e participación completamente esquecido,  como a Escola de Empoderamento Feminista.  Incrementar os programas educativos sobre as violencias machistas é outra esixencia da moción, por ser eficaces ferramentas de prevención.

“Logo dunha crise sanitaria e diante da actual crise económica e enerxética atopámonos nunha fase de `nova normalidade´ na que as condicións de vida das mulleres, como adoita acontecer en épocas de crise, empeoraron. O aumento da precariedade, o empobrecemento, as desigualdades e o deterioro dos servizos públicos poñen de manifesto que hai vidas que importan menos que outras. E o Concello da Coruña non pode obviar esta situación abandonando por completo as políticas feministas e igualdade”, conclúe García. 

Máis recursos contra a violencia de xénero

Finalmente, a nosa proposta buscará a maioría do Pleno para reclamarlle aos gobernos local, autonómico e do Estado a que incrementen os recursos para políticas de igualdade e prevención de violencias machistas. A conmemoración do 25N chega coa dramática cifra de 1.164 mulleres asasinadas por violencia machista dende o 1 de xaneiro de 2003, ano no que se comezaron a recompilar os datos. A taxa por millón de mulleres vítimas mortais por violencia de xénero foi de 2,14 en Galicia durante o ano 2020, un 15% superior á taxa do Estado español. Durante ese mesmo ano foron interpostas 6.000 denuncias en Galicia e solicitadas 2009 ordes de protección. No 2019 tan só o 20% das vítimas de violencia denunciaran e unicamente o 7% tiveron ordes de protección segundo datos do INE. Un recente informe da ONU sinala que dúas de cada tres mulleres sufriron algún tipo de violencia machista ou coñece a alguén que padece  ou padeceu nalgún momento. A seriedade do asunto precisa de acción e de todos os esforzos das institucións  públicas.

A integración portuaria precisa dun novo impulso

A formación municipalista rexistrou tamén unha emenda á moción do Partido Popular sobre os terreos portuarios. Fronte á proposta dos conservadores, que pretenden reactivar a axenda dos acredores e cobrarlle á cidade pola construción de Punta Langosteira, a Marea Atlántica celebra a apertura dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería sen gastar un peso nin desafectar ou privatizar o solo, reclama a liquidación dos convenios de 2004 e a constitución dun consorcio público e insta o goberno municipal a reabrir á sociedade o debate portuario, como fixo o goberno de Xulio Ferreiro no pasado mandato.

Reclamamos no Pleno o cumprimento dos acordos en materia de Igualdade no Concello da Coruña