Saltar ao contido

María García: “Inés Rey comprometeuse no acordo de investidura a dar unha solución urbanística para que as familias afectadas polo Ofimático conserven as súas casas. Seguen agardando”

Esiximos que nesta reunión da Mesa, que leva sen convocarse desde outubro, estea presente a Tesourería municipal para aclarar o problema das cotas de urbanización

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha solicitude formal para que o goberno de Inés Rey convoque a Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña e os grupos que apoiaron a investidura da alcaldesa, para trasladar de xeito claro a súa proposta para que estas familias poidan conservar as súa vivendas. Nesta xuntanza debe estar presente a Tesourería municipal, para aclarar o problema das cotas de urbanización que recaen sobre as persoas convertidas en promotoras forzosas en Xuxán.

A nosa voceira, María García, denuncia que “as persoas afectadas polo planeamento do antigo parque Ofimático non teñen ningunha información sobre o seu futuro, como puidemos comprobar tras manter unha xuntanza con elas, por iso lle esiximos ao PSOE que fale claro e que cumpra o seu compromiso de acadar unha solución urbanística”.

Sete meses sen novidades

 

No acordo de investidura asinado coa Marea Atlántica, o PSOE comprometeuse a resolver este conflito que xa dura décadas. E en decembro de 2019, na comisión de seguimento deste acordo, pactouse a convocatoria desta Mesa de Traballo para facer partícipe á veciñanza. Porén, e a pesar das promesas do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a Mesa leva sen reunirse desde o mes de outubro de 2020, mentres as persoas afectadas seguen agardando.

A veciñanza, que segue a concentrarse en María Pita antes de cada Pleno para reclamar os seus dereitos, merece que as súas demandas sexan atendidas. E, ante todo, merece que o goberno lle fale cara a cara.

O problema das promotoras forzosas

Cómpre lembrar que unha parte do complexo desastre que os gobernos de Francisco Vázquez no Concello da Coruña e Manuel Fraga na Xunta de Galicia causaron no Ofimático mantén a varias familias atrapadas como promotoras forzosas da urbanización de Xuxán. Estas persoas, quedaron sen suas casas e terreos na zona a cambio de edificabilidade, unha edificabilidade que non poden exercer, pero que lles obrigan a pagar cotas pola urbanización e a instalación de servizos básicos igual que se fosen grandes construtoras. Falamos de miles de euros ao ano. Unha situación inxusta e complexa, que non pode desatenderse.

É hora de volver convocar a Mesa de Traballo de San Vicenzo de Elviña