Xiao Varela: “Exclúense, sen diálogo previo coa oposición, colectivos que deberían ser escoitados á hora de deseñar un modelo de mobilidade sostible” 

Varela trasladou as críticas ante a Xunta de Goberno Local, pero a alcaldesa impediu que a súa declaración conste en acta

O grupo municipal da Marea Atlántica critica a composición da Mesa de Mobilidade, aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local sen diálogo previo coa oposición, porque deixa fóra varios colectivos e asociacións que xa participaran durante o mandato anterior en encontros sobre o futuro das políticas de mobilidade, e que achegan perspectivas tan fundamentais como a do estudantado, a do mundo laboral, a dos polígonos empresariais ou a cuestión de xénero. O concelleiro Xiao Varela sinalou que “é unha mágoa que se ignoren voces que xa colaboraran co Concello e que deberían ser escoitadas á hora de deseñar unha mobilidade sostible na Coruña”, e solicitoulle ao goberno que “manteña o espírito de consenso da Declaración da Coruña por unha mobilidade máis sostible que aprobamos no último Pleno”.

Deste xeito, quedan fóra entidades como as asociacións empresariais dos polígonos de Pocomaco e A Grela, a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, a Federación de ANPAs de centros públicos, os sindicatos maioritarios CCOO, UXT e CIG, a Vicerreitoría de Estudantado e o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas, a Federación Galega de Transporte de Viaxeiros ou o colectivo Mobiliza. Todas elas participaran, a comezos deste ano, nas xuntanzas previas que o goberno anterior desenvolvera para a elaboración dun plan de mobilidade sostible e, en palabras de Varela, “suman perspectivas que non poden ser ignoradas se queremos ter un mapa real de como a cidadanía se despraza polas rúas da Coruña”.

Sen voz na Xunta de Goberno Local

O concelleiro Xiao Varela trasladou hoxe estas críticas durante a Xunta de Goberno Local, pero non foron atendidas e, por criterio da alcaldesa, a súa intervención nin sequera constou en acta. Desde o mandato anterior, a oposición ten presenza na XGL con voz pero sen voto, para poder cumprir co seu labor de control e fiscalización. Con esta imposición de Inés Rey, debilítase esta medida de transparencia, ao invisibilizar as propostas, opinións e advertencias da oposición. Desde o grupo municipal da Marea Atlántica solicitaremos formalmente, por escrito, que a alcaldesa rectifique e faga constar en acta todas as intervencións, como sempre fixo Xulio Ferreiro durante os catro anos do seu mandato.