Celebramos a xornada Mercado vs Cidade para analizar a loita por unha vivenda digna e defender medidas como a regulación do alugueiro, mudar os impostos para penalizar a especulación ou favorecer proxectos cooperativos
A Marea Atlántica organizou hoxe a xornada Mercado vs Cidade, centrada no dereito á vivenda e nas formas de combater unha nova burbulla a través de políticas públicas valentes e organización colectiva, poñendo o interese xeral por diante do interese comercial. Todas as voces que participaron fixeron un chamamento a crear unha alianza polo dereito á vivenda, entre políticas públicas e movementos sociais.
As principais conclusións desta xornada foron:
- Rachar as barreiras individuais e facer colectiva a loita por unha vivenda digna, sumando forzas a través de movementos e sindicatos sociais. Hai que visibilizar o conflito.
- Mudar a lexislación para que defenda ás persoas e non á cobiza. Regular o prezo dos alugueiros e introducir impostos que penalicen a especulación.
- Combater as vivendas baleiras, especialmente as que están en mans da banca e aumentar o parque de vivenda pública. A SAREB pode ser unha vía para conseguilo.
- Procura de información e datos obxectivos sobre a situación e prezo da vivenda. Os únicos estudos que hai agora proveñen de empresas inmobiliarias.
As décadas prodixiosas de Paco Vázquez
Abriu a xornada unha charla sobre O dereito á vivenda na cidade da Coruña, na que Xosé Allegue, arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago de Compostela, e Plácido Lizancos, profesor e membro do Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, ofreceron unha elocuente serie de datos. Allegue lembrou que nas “dúas décadas prodixiosas” do vazquismo, o prezo da vivenda aumentou un 274% ao tempo que A Coruña perdía 10.000 habitantes: “Inchando o mercado con pisos a prezos non accesibles, expulsouse á poboación cara os concellos limítrofes”.
“Precisamos políticas públicas de compra de vivenda pública, non cabalos de Troia e procesos especulativos pagados con cartos de todas. Temos que plantarlle cara ao poder das grandes inmobiliarias, porque na disputa entre a cidade e o mercado, vai gañando o mercado”, expresou Allegue.
Na área metropolitana da Coruña existen 1.300 espazos abandonados e máis de 20.000 vivendas baleiras
Da súa banda, Plácido Lizancos recuperou as conclusións do estudo Empty Coruña, realizado en 2018, e salientou que a nosa área metropolitana “é unha ‘cidade ferida’ por edificios en ruínas, locais baleiros e esqueletes diso que deron en chamar crise”. Na actualidade non hai datos oficiais, pero Empty Coruña calculou que na comarca existen polo menos 1.300 espazos abandonados e máis de 20.000 vivendas baleiras, mentres boa parte da poboación ten problemas para pagarse un teito sobre a cabeza.
“Se queremos acabar con esta inxustiza, terá que ser desde a mobilización social, con solucións colectivas. Non podemos agardar que a resolva o mesmo sistema que a causou, actuando de arriba cara abaixo”, sinalou o profesor da UDC.
O camiño das políticas públicas: dos concellos ao Estado
A segunda mesa redonda centrouse nas Políticas públicas e o dereito á vivenda, e contou coa participación de Vanesa Valiño, xefa de Gabinete da Concellería de Vivenda de Barcelona; Xiao Varela, concelleiro da Marea Atlántica; Jorge Duarte, concelleiro de Compostela Aberta; e María Manuel Rola, deputada do Bloco de Esquerda (Portugal) e portavoz de Vivenda no seu grupo parlamentario.
Vanesa Valiño fixo un repaso detallado do goberno de Barcelona en Comú e asegurou que “as competencias dos concellos son moi limitadas en materia de vivenda, polo que se queremos abrir camiños ten que ser a través de alianzas coas loitas sociais”. Puxo como exemplo o modelo de vivendas cooperativas en cesión de uso, en La Borda, que lle deu un fogar a 200 familias.
A alianza entre o Concello e os movementos sociais permitiu que Barcelona elevara ao 30% a porcentaxe de vivenda protexida nos pisos de nova construción
“Foron este tipo de apostas, así como a denuncia dos aloxamentos turísticos, o que permitiu contar co apoio suficiente para implantar a que foi a gran medida en materia de vivenda no anterior mandato en Barcelona, a obriga de que un 30% da vivenda nova en solo urbano consolidado sexa de protección oficial”, explicou Valiño.
Tamén fixo un chamamento ao novo goberno do Estado para dar os pasos que os concellos non poden dar e tomar medidas firmes para garantir o dereito á vivenda, “comezando por unha regulación do prezo dos alugueiros e por unha reforma fiscal que penalice a especulación e favoreza os modelos cooperativos”.
Da súa banda, María Manuel Rola analizou a situación en Portugal, onde tamén o incremento dos prezos da vivenda está moi por enriba dos salarios. Denunciou que só existe un 2% de vivenda pública e que “a taxa de esforzo para pagar o aluguer en Lisboa xa é superior ás de Barcelona ou Berlín”.
A experiencia do municipalismo galego
Sobre o problema da vivenda turística a nivel galego falou Jorge Duarte, quen a sinalou como un problema de privatización de espazos colectivos, e ofreceu datos contundentes: “No Casco Vello compostelán, o 50% da superficie habitacional está destinada dun modo ou doutro ao uso turístico, e o 19% dos pisos turísticos non están regrados”. Por iso, Compostela Aberta puxo en marcha no anterior mandato unha moratoria das licenzas ás vivendas turísticas.
Desde A Coruña, Xiao Varela centrouse no problema da infravivenda e os asentamentos precarios, “creados nesta cidade polo propio planeamento urbanístico do Concello, para expulsar do centro ás persoas con menos recursos”. A Marea Atlántica confrontouno coa posta en marcha do Plan de Hábitat Digno, no que por primeira vez colaboraron as áreas de Rexeneración Urbana e Xustiza Social, e que se traduciu no realoxo acompañado de moitas familias.
Lembrou, tamén, que nas últimas décadas houbo un gran desinterese por parte da Xunta e o Estado en garantir o dereito á vivenda, “e toda iniciativa nese sentido foi duramente atacada desde a dereita e os seus altofalantes, como suceden no caso do concurso de compra de vivenda pública na Coruña, onde tentaron facer pasar un erro administrativo por un caso de corrupción”. As acusacións resultaron ser falsas, pero lastraron as políticas públicas de vivenda durante todo o mandato.
Do individual ao colectivo
Xa pola tarde, tivo lugar a mesa dos Movementos, sindicalismo social e dereito á vivenda, na que participaron Sara Fernandes, do Colectivo Habita (Lisboa); Iago Carro, de Ergosfera (A Coruña); Raquel Souto, do Sindicat de Llogateres (Barcelona); Brais Estévez, investigador e xeógrafo urbano (A Coruña – Salvador de Baía) e José Luis de la Flor, do Sindicato de Inquilinas de Madrid.
Todas elas coincidiron en sinalar a importancia da organización cidadá para plantarlle cara aos intereses da banca e as grandes empresas, que converten un dereito fundamental como a vinvenda nunha mercadoría, e que expulsa á xente das súas cidades.
Sara Fernández explicou que Lisboa se enfronta a un grave problema de acceso á vivenda, por mor da proliferación de pisos turísticos e por iso ““sentimos a necesidade de ampliar os lazos de solidariedade entre os diferentes barrios, para que sexan as propias moradoras as que exerzan o seu dereito á vivenda, para que as políticas habitacionais se constrúan de abaixo cara arriba”. Da súa banda, Brais Estévez analizou o problema da infravivenda en Salvador de Bahía (Brasil) e salientou como é a organización veciñal a única fórmula capaz de humanizar estes espazos, ante a indiferenza dos gobernos.
A capacidade dos sindicatos de inquilinas
Raquel Souto explicou que a forza do Sindicat de Llogateres de Barcelona estivo en unir a persoas cun mesmo problema, o imposible prezo dos alugueiros, e unilas para sumar forzas: “O alugueiro é un contrato entre dúas partes. As inquilinas temos dereito a negociar cos propietarios os termos, incluíndo tamén os prezos. Esta negociación, cando é colectiva, ten moita máis forza. Creamos un novo suxeito social para abordar un conflito que xa existe, pero que se oculta: entre a especulación do mercado e o exercicio do noso dereito a unha vivenda e unha vida dignas”.
A negociación colectiva cos propietarios ten moita máis forza
Tamén José Luis de La Flor salientou que ““O problema da vivenda é tan grande que empurra a familias enteiras á pobreza. Para confrontalo precisamos unidade de acción, visibilizar a inxustiza e ter imaxinación política para crear novas ferramentas de loita”. Ao modo de ver do representante do Sindicato de Inquilinas de Madrid, “a única vitoria posible de vitoria é a mobilización social para cambiar a lei. Temos que gañar a legalidade, non só o discurso”.