Os milleiros de mulleres que saímos ás rúas da Coruña, centos de milleiros en Galicia e millóns en todo o mundo dixemos ben claro que non hai volta atrás. Que o camiño é cara adiante, pola igualdade real, sen ceder nin un só dos dereitos que xa gañamos.
Cando preto de 40.000 persoas saen á rúa nunha cidade para reivindicar os dereitos efectivos e a fin da violencia contra as mulleres, como o fixemos o pasado venres na Coruña, non é por casualidade.
Cando tanta xente sae á rúa nunha cidade é, en primeiro lugar, grazas á loita previa das mulleres que, co seu activismo, evidenciaron que temos exactamente os mesmos dereitos que os homes; que as mulleres non somos naturalmente inferiores e o nosos límites non van máis aló dos espazos domésticos e de coidados; que as mulleres non somos un obxecto a disposición do pracer dos homes e que os nosos corpos e as decisións sobre eles nos pertencen unicamente a nós, as mulleres. Moitos dos seus logros son os que nos permiten hoxe seguir loitando: no noso posto de traballo, nos coidados, no ensino e no consumo, os catro eixos da folga feminista que nos uniu o 8 de marzo.
Cando as mulleres toman as rúas como fixemos o venres, é porque houbo mulleres diversas, desde o individual e desde os colectivos, autoorganizándose, en rede, sen manipulacións nin apropiacións, que fixeron posible por segundo ano consecutivo que esa conciencia colectiva tome corpo nas rúas e faga visible que a sociedade xa non quere seguir mirando para outro lado ante as discriminacións, os abusos e as violencias que se exercen persoal e estruturalmente contra elas. E para demostrar que non imos ceder nin un só dos dereitos xa conquistados.
Unha loita que tamén é polas que non puideron estar
Fomos moitas as que estabamos alí. E sabemos que moitas outras non puideron estar: mulleres que seguen asumindo os coidados en solitario, sen apoios nin do seu entorno nin das institucións e que non poden deixar de atender ás persoas ao seu cargo; mulleres con capacidades diferentes ás que en moitos casos segue sen considerarse suxeitos de dereitos e moito menos quen de reivindicalos; mulleres que viven baixo a ameaza da violencia de parellas e exparellas e que non poden decidir libremente os seus movementos; mulleres en situacións de pobreza e precariedade que non poden permitirse arriscar a súa subsistencia….
O venres pasado, preto de 40.000 persoas saímos á rúa na Coruña para presionar á sociedade para construír un sistema máis xusto e habitable para todas, sabendo que ser muller sempre lle engade un peso máis a cada unha das trabas que atopamos. A Marea Atlántica saíu a rúa tamén, porque as mulleres e todas as persoas que fagan fronte á discriminación, á explotación, ao abuso e á violencia, que poñan en evidencia a necesidade de seguir construíndo unha sociedade mellor sempre nos atoparán ao seu lado.