María García e Iago Martínez mantiveron unha xuntanza coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, coa que compartimos a preocupación pola falta de avances
Urxe presentar a demanda xudicial para que o ben espoliado pola familia Franco retorne ao patrimonio público e aplicar as recomendacións do informe da historiadora Ana Romero para eliminar nomes franquistas das rúas
A voceira e o vivevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron esta semana unha xuntanza con representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), para analizar a situación no Concello, e coincidiron no diagnóstico de considerar este mandato coma un tempo perdido para a memoria democrática no Concello da Coruña. “O balance que facemos só pode ser negativo, nin un só avance en máis de tres anos. Todo está igual ou peor de como o deixou o goberno de Xulio Ferreiro”, afirma María García.
Tras a xuntanza, desde a Marea Atlántica queremos reclamarlle á alcaldesa Inés Rey que convoque cando antes o Consello da Memoria Democrática, organismo que preside, para abordar a recuperación da Casa Cornide e a aplicación das recomendacións do informe da historiadora Ana Romero sobre a eliminación da simboloxía franquista.
Deste xeito, recollemos as peticións que a CRMH lle trasladou á alcaldesa a través dunha carta entregada o 7 de setembro, na que deixa claro que se xa se lle acabou a paciencia e na que mesmo valora acudir aos tribunais se o goberno local teima en manter homenaxes a franquistas como Peñamaría de Llano na cidade da Coruña. Inés Rey debería escoitar.
Tamén é preciso presentar dunha vez a demanda xudicial para recuperar a Casa Cornide de mans da familia Franco, que a sacou á venda. O Pazo de Meirás marcou o camiño a seguir, e existen informes abondo da fraude de lei cometido para entregarlle o histórico edificio ao ditador, pero o goberno local o único que fixo en tres anos foi incumprir promesas.
Total desinterese pola Memoria Histórica
“Nos últimos tres anos, os avances en materia de memoria histórica foron igual a cero”, sinala María García. O Consello Municipal da Memoria Democrática, creado con Xulio Ferreiro na Alcaldía, só se reuniu dúas veces neste mandato, a última hai xusto un ano, precisamente para trasladar ese documento elaborado por Romero desde o Instituto Cornide, que se mantivo oculto nun caixón ata que a súa existencia foi dada a coñecer pola prensa.
Tamén segue no dique seco a Oficina de Atención ás Vítimas, a única existente en Galicia tras o seu impulso no mandato da Marea Atlántica. E déronse cero avances en canto á eliminación da simboloxía franquista, deixando sen continuidade o traballo do pasado mandato e co agravante de bloquear o informe de Ana Romero e o Instituto Cornide.
Ademais, como lembra Iago Martínez, “tampouco hai noticias do Plan de Memoria que pactamos como parte do acordo para os primeiros orzamentos de Inés Rey como condición para dotar á área de Memoria Histórica de orzamento para catro anos”. En lugar diso, o que vemos é que á altura de setembro, o 70% dos fondos para Memoria Histórica están sen executar.
En resumo, Inés Rey está a piques de rematar un mandato cun pésimo balance no que respecta á reparación e dignificación das vítimas da ditadura franquista e o cumprimento da Lei da Memoria Histórica. Quédanlle moi poucos meses para corrixir o rumbo.