Saltar ao contido

Na segunda semana de marzo aínda descoñecemos cantos fondos haberá dispoñibles para implantar novas medidas e mellorar o plan de choque contra a pandemia

María García: “O Presco, aprobado por unanimidade no Concello, foi unha boa idea, pero mal executada. Precisamos datos e análises para que o seguinte sexa máis eficaz”

O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle ao goberno de Inés Rey que pague canto antes as 600 axudas atrasadas do plan de choque contra a pandemia, o chamado Presco, que levan  pendentes desde xullo de 2020. O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, recoñeceu os problemas na tramitación e a semana pasada a alcaldesa fíxose a terceira foto en catro meses co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, prometendo outra vez os fondos suficientes para solucionar os atrasos. Ata agora, todo quedou niso, nunha foto e varios anuncios. 

“O Presco, confeccionado e aprobado por unanimidade de todos os grupos do Concello da Coruña, foi unha boa idea, pero mal executada. Quedaron centos de axudas sen pagar e moitos fondos na caixa que o goberno non foi quen de destinar a outros fins. Temos que aprender destes erros para deseñar un plan de choque mellor para 2021”, explica a voceira da Marea Atlántica, María García. E engade que, “a 9 de marzo, descoñecemos cantos fondos haberá para o novo plan de choque. Pedímoslle a Inés Rey que poña xa unha cifra sobre a mesa”. 

Ausencia de datos e análises

A nosa portavoz reclamou tamén os datos pendentes sobre o grao de execución do Presco 2020, así como as análises cualitativas e cuantitativas das distintas medidas postas en marcha o ano pasado. Algunhas deron bo resultado, como o Bono Cultura, sendo só unha pequena parte do orzamento. Outras, coma o Bono Hostalería, non funcionaron e deixaron máis de 400.000 euros sen investir, que non se destinaron a outras áreas. “Hai erros que corrixir, desde logo, pero o primeiro é identificalos con honestidade”, afirma María García

O novo plan de choque para afrontar as consecuencias da pandemia en 2021 leva en boca de Inés Rey desde o mes de decembro. Pero, nestes momentos, o único real que se viu foi un documento de tres follas e ningunha cifra, presentado hai quince días na Comisión de Facenda, sen máis avances desde aquela. Unha vez máis, a Marea Atlántica ten a man tendida para facer propostas e sumar na aprobación dun novo Presco. Pero é necesario que o goberno do PSOE se poña a traballar nalgo que non sexan anuncios e titulares. 

Sen orzamentos e sen convenios

A necesidade dun plan especial contra a pandemia, innegable, non pode facernos esquecer que a cidade segue sen Orzamentos para este ano, por decisión unilateral da alcaldesa. A súa teima en gobernar cunhas contas deseñadas a finais de 2019 vai dificultar a posta en marcha de novas políticas públicas adaptadas á realidade e mesmo dos trámites máis rutineiros, como a renovación dos convenios. A data de hoxe, e a pesar do bloqueo das emendas da oposición, aínda non están aprobados definitivamente e van tardar en asinarse. 

Reclamamos que se paguen canto antes as 600 axudas pendentes do Presco de 2020 e se facilite a información necesaria para lanzar o de 2021