Saltar ao contido

Existe marxe para aumentar un 20% os fondos para coidar a rede de estradas provinciais e os investimentos nos concellos a través do Plan Único, entre outras cuestións.


O noso voceiro, Alberto Lema, abstívose hoxe na Comisión de Facenda, á espera dun acordo para incorporar as nosas propostas a través dun modificativo de crédito.

O grupo provincial da Marea Atlántica considera que o proxecto de Orzamentos da Deputación da Coruña para o ano 2020 vén lastrado pola baixa execución acumulada e polas limitacións normativas á incorporación dos créditos sen gastar de exercicios anteriores. Presenta importantes baixas tanto en investimentos reais como en transferencias aos concellos, e fica moi lonxe de cubrir as necesidades dos municipios da provincia. Hai marxe, entre outras cuestións, para aumentar un 20%, en sucesivos modificativos de crédito, os fondos para o mantemento da rede viaria provincial  e as partidas do Plan Único destinadas a obras.

Ante esta situación, o noso representante provincial, Alberto Lema, abstívose hoxe na Comisión Informativa de Facenda, celebrada esta mañá, e presentou unha serie de demandas recollidas nas súas xuntanzas dos últimos meses con diferentes concellos, confiando en que poidan ser atendidas e incorporadas a través dun modificativo de crédito. “Somos conscientes da escasa marxe de manobra que ofrecen tanto a Lei Montoro como a baixa execución orzamentaria, pero cremos que hai marxe para a mellora”, declarou Lema.

Propostas de mellora

A Marea Atlántica considera urxente mellorar o mantemento das infraestruturas viarias provinciais así como, atendendo ao principio de autonomía local e descentralización administrativa, aumentar considerablemente as partidas destinadas no Plan Único para atender as necesidades dos concellos mediante procedementos obxectivos de asignación de recursos. Esixiremos unha suba do 20%  en ambos os dous conceptos no primeiro modificativo de crédito do ano.

Así mesmo, a Marea Atlántica promoverá a creación dunha convocatoria de investigación que achegue análises e liñas de actuación valiosas en cuestións que afectan directamente ao futuro da Provincia da Coruña, como son a transición enerxética; os retos de mobilidade e transporte; mar e cambio climático e, por último, memoria e patrimonio inmaterial.

O noso grupo provincial tamén considera imprescindible promover o coñecemento da economía social nos centros de Formación Profesional da Provincia da provincia,  ampliar o Camiño dos Faros ata á Torre de Hércules e afondar na promoción exterior do Camiño Inglés en 2020, o ano previo ao Xacobeo 2021.

A Marea Atlántica esixirá tamén que se manteña o nivel de investimento na cidade da Coruña acadado en exercicios anteriores, así como diversos proxectos para mellorar os equipamentos e estradas provinciais en Sada, Teo, Mugardos e a Pobra do Caramiñal.

A Marea Atlántica reclama melloras nos Orzamentos da Deputación para 2020